Dende o mes de outubro Robero Vidal é o patrón maior da confraría de Corme. O principal problema que ten o pósito está relacionado coa acción dos furtivos. Ademais, Vidal considera que as labores de vixilancia non deberían ser competencia dos pescadores, xa que neste aspecto "non temos xurisdición".

Que lle levou a presentarse como candidato?

Falando. A xente nova en Corme comezamos a falar para entrar nós e poder cambiar así algunhas cousas. O que máis ou o que menos tamén quería isto, para pelexar polo futuro e decidimos entrar. Somos case todos novos, a xunta xeral está renovada.

En que ámbitos se producirían estes cambios?

Sería no referente á Xunta e en temas da confraría. Por exemplo estamos intentando que nos cambien a grúa do peirao, pedimos a máquina Ticpes xa que non a tiñamos. Coa Xunta tamén tivemos algún cara a cara coa asociación de percebeiros para que nos deixaran traballar algún sábado como no Nadal, pedímoslle unha regularización da mexilla... Algunhas cousas que vemos que necesitaban uns cambios.

Sería cedo para ver xa algúns cambios realizados?

Si. No tema da mexilla si que parece ser que vai haber un cambio na normativa. No referente a traballar os sábados si que conseguimos, pero quitándonos o luns da semana de Nadal porque hai que ter 48 horas de descanso á semana. Ás confrarías non nos gustou moito que nos quitaran o luns.

Traballar os sábados foi algo puntual que pasou no Nadal?

Si, só é algo para datas marcadas cando leva bo prezo o produto. Un día de traballo arránxache un mes. O resto do ano non se lle solicita nin mesmo nós o queremos. En datas preto do Nadal, se cadra, non traballas en todo decembro, e cadra que o mellor día é o sábado, por iso aí si que nos puxemos. Non só houbo cambios na nosa confraría, se non que tamén os houbo nos pósitos da Costa da Morte. Estamos tendo reunións para intentar facer as cousas entre todos, non só confraría a confraría. Hai unha que me dixo que isto que facemos agora tiñamos que habelo feito fai anos, unha unión, porque a lei vai en contra de todos os percebeiros, non só contra os dun pósito.

Cando xurdiu esta unión?

Na semana de Nadal estivemos mirando as mareas e dándolle voltas ao tema e déuseme por chamar ao patrón maior de Muxía para comentarlle o que pasaba e que lle parecía se pedíamos o sábado. Tan pronto lle dixen quen era comentoume que quería falar comigo polo mesmo. Logo el chamou a outra confraría da súa zona, eu á de Malpica, despois a Laxe e ao final fixemos unha reunión en Corme con todos os pósitos da Costa da Morte. Co da mexilla foi algo semellante. Recibimos unha chamada da Xunta dicíndonos que non tiñamos competencia para prohibir traballar na zona do Roncudo, que eles tiñan a lei e que chamara á Consellería do Mar. O primeiro que fixen foi poñerme en contacto coas confrarías para chamar todos á consellería. Fixemos unha reunión á que viron sete pósitos, pero agora somos case vinte de toda Galicia que queren que se regule a extracción de mexilla.

Leva no cargo dende outubro, como valora estes meses como patrón maior?

De momento estou contento e gústame aprender cousas e axudar. Pero aínda é un pouco cedo porque polo momento podería dicirse que so estou comezando. Solicitamos a retirada do carro varadoiro de Corme cando entramos porque leva preto de sete anos sen uso e pagamos todos os anos o seguro, que é moi caro, polo que decidimos sacalo porque non ten arranxo. Sen embargo, a día de hoxe aínda segue aí o carro. Mandamos correos, faxes, chamouse, pero non é fácil.

Cales son os maiores problemas aos que tivo que facer fronte neste tempo?

O problema máis grande que nos afecta é o relacionado co furtivismo. Non considero que sexa competencia nosa perseguir a ninguén. A raíz do que está a pasar co percebeiro de Lira doulles a razón e os apoio niso. O furtivismo está penado no código penal como delito e nós non temos xurisdición para meternos nesas cousas. Debería de haber máis vixilancia e controis por parte das autoridades, non nosos. Hai unha lei que di que temos que vixiar os bancos marisqueiros e eu sinceramente non o vexo competencia nosa.

As medias actuais son as suficientes para loitar contra esta actividade?

Non están usando todo o que terían que usar e vémonos nós, que temos que poñer a cara, facendo vixilancia e cousas que non nos pertencen. É un problema ao que lle levo dadas moitas voltas porque o furtivismo trae moitas leas, e non entrei para buscalas. Ao contrario, só pretendo traballar nisto, que cada día está peor, e facer as cousas un pouco ao gusto da xente nova. Tal e como nos vixían a nós e cos controis que nos fan, podían dedicarse tamén a esa xente.

Como evolucionou o número de percebeiros nos últimos anos?

Vai para atrás. De feito xubílase xente, pero os que entran novos é raro que aguanten o ano co permiso. Tres ou catro dos que se solicitaron o ano pasado xa non o teñen. Hai pouca captura, pero á vez moito gasto. Os que collemos o percebe dende o mar aínda podemos dedicarnos a outras cousas cando non abre a especie, pero os de terra teñen eses quince días de traballo ao mes e non teñen máis. E durante o inverno hai moitos meses nos que eses días veñen malos.

Como foi o 2018 para a confraría?

Non foi un ano malo. No Nadal o marisco levou moi bo prezo. Para o percebe especialmente foi récord e iso que pensabamos que non iamos a facer cartos, de feito xurdiu o de traballar os sábados porque viamos un Nadal perdido. Pero claro, o percebe vendeuse a 250 euros o quilo. Ao haber poucas mareas e mal tempo elevouse o prezo e case que fixemos máis cartos que outros anos nos que si puidemos traballar ben.

Ten algún proxecto pensado para realizar ao longo destes anos?

Temos entre mans o da mexilla, a ver se podemos conseguilo para ter uns ingresos extra. Queremos cambiar a grúa e poñer en marcha todo o que se tiña un pouco abandonado. Non temos conxeladora nin neveira porque se estragou, estamos pedindo presuposto para ver se a recuperamos para así darlle servizos aos barcos.

Na zona de Corme hai relevo xeracional?

Si, pero de xente de fóra do pobo. Coa fama que temos sobre todo polo percebe vese que as novas xeracións non queren verse nisto.