29 de abril de 2019
29.04.2019
La Opinión de A Coruña
Presidente de Portos de Galicia

As críticas, fundamentadas

28.04.2019 | 19:52
As críticas, fundamentadas

Como presidente de Portos de Galicia asumín dende o primeiro días as responsabilidade encomendadas no meu nomeamento en relación á xestión das 122 instalacións portuarias de titularidade autonómica. Pero ademais, nestes anos ao fronte da entidade pública, teño asumido como un reto persoal, mellorar en todo o posible a imaxe desta administración portuaria que, con demasiada frecuencia, se olla posta en entredito.

Resulta evidente que a mellor forma de dar unha boa imaxe é respaldala cunha boa xestión, con responsabilidade e rigor. Pero resulta tamén imprescindible unha tarefa pedagóxica que ás veces pasa por tema menor cando non o é.

De xeito permanente, pero por razóns evidentes aínda máis nos últimos meses, almorzamos case a diario con peticións no mellor dos casos e críticas no peor a Portos de Galicia a través de distintos medios polo estado de conservación das infraestruturas portuarias. Resulta evidente que en 122 instalacións espalladas ao longo de 1.700 quilómetros de costa, son inevitables as incidencias que derivan no prexuízo directo ás infraestruturas dos peiraos, moitas delas con máis de 40 anos. Asumimos que a cidadanía nos escolleu para afrontalos e tratamos de xeito incansable de facerlle fronte día a día coa maior premura que a tramitación burocrática e os medios técnicos e humanos nos permiten. É a tarefa que nos encomendaron os galegos e só podemos cumprila.

Pero do mesmo modo, é tarefa da Administración pública e miña concretamente no que a Portos de Galicia atinxe, clarexar ata onde chegan as responsabilidades e competencias deste ente público. Portos de Galicia é responsable do estado de conservación e mantemento das 122 instalacións portuarias como regra xeral. Pero esta norma ten unha excepción legal que non debemos esquecer: as instalacións cuxa xestión se cede a terceiros a través dunha concesión ou autorización administrativa. Neste caso, regradamente, a competencia de conservación e mantemento corresponde ao titular da instalación concesionada. Non existen dúbidas legais ao respecto e non deben xerarse no imaxinario colectivo. Son os concesionarios ou autorizados da xestión dunha instalación portuaria os únicos responsables de executar nela as tarefas pertinentes de conservación e mantemento para garantir o seu bo estado. Nesta situación atópanse a práctica totalidade de edificacións de uso produtivo como lonxas, naves de redes, fábricas de xeo, naves de procesado de mariscos e similares, así como os portos deportivos xestionados por terceiros. Debemos, polo tanto, todos, e especialmente aqueles que cumpren coa imprescindible tarefa de vixiar a tarefa política e denunciar publicamente os nosos erros, dedicar un minuto a analizar este extremo cada vez que nos facemos eco de danos nos peiraos galegos, que as veces, como recentemente, non van máis alá dunha „unha soa„ goteira no teito da nave de redes de Ribeira. A crítica é benvida e axuda a mellorar, pero cando se fundamenta no rigor.

E por se alguén, ante esta exposición, puidera intepretala como un intento de botar balóns fora e desatender as responsabilidades propias dunha administración pública, ou lle vén a cabeza esa frase que non por mil veces repetida adquire carta de veracidade „"Portos só se preocupa de recadar"„ só me resta lembrar un último dato: a propia Lei de Taxas pola que se rexe o ente público recolle bonificacións de ata o 90% aos titulares destas instalacións de carácter produtivo precisamente para avalar a súa responsabilidade de conservación e mantemento.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook