Esta é xa o cuarto mandato de José Luis Martínez Rego á fronte da confraría de Espasante. Un dos maiores retos aos que se ten que enfrontar está relacionado co marisqueo. Concretamente aos problemas que xeran os lodos e a area, que impiden que a ameixa se fixe nela, polo que a leva a marea.

Que lle levou a presentarse de novo ao cargo?

De momento a cousa funciona bastante ben, e se esa é a dinámica hai que seguir para poder manternos nesa liña. Non dependemos de nós só, pero a final de ano aí seguimos. Que é o importante.

Tendo en conta que é a cuarta vez que é patrón maior da entidade, como afronta este novo mandato?

Por agora no que temos por diante non hai ningún problema previsto nin nada que poida alterar o funcionamento. Estamos pelexando coa Consellería do Mar e con Portos. Dende que estou aquí levamos pedindo o mesmo, o dragado do porto.

Aínda non se realizou o dragado?

Non, e polo momento tampouco hai perspectivas de que se chegue a realizar.

O principal problema que teñen no porto é que o fondo non permite aos barcos entrar?

De momento si que poden. Nas mareas vivas danse ocasións nas que algún barco ten que cambiar de porto porque toca na area porque hai moi pouco calado. De momento funcional con bo tempo é, cando hai malo xa nada. Pero non con moi mal tempo, cun pouco xa hai que ir a outros peiraos. Polo vento non temos problema porque é un sitio bastante resgardado. O que afecta é o mar de fondo e as correntes que se xeran porque está preto da praia e mete area.

Houbo algún barco que tivera algún contratempo por este motivo?

Nos últimos anos non, grazas a Deus. Xa fai varios anos perdéronse seis embarcacións nunha noite. E foi por ese motivo. Agora xa o sabemos e pola mínima xa nos vamos a outro porto.

Cales son as alternativas?

Pois a metade vamos para Cariño e o resto para O Vicedo, aínda que é máis traxecto. A Cariño lévate máis tempo por terra que por mar. Pero non queda outra.

Cales son os maiores retos aos que se pode enfrontar nestes anos?

No marisqueo. As mariscadoras teñen problemas co lodo e coa area na ría de Ortigueira. As especies non se reproducen como quixeran. Elas din que é debido á presenza de area. Sitios nos que antes se traballaba agora meteuse area, polo que a ameixa non fixa. Ao haber movementos de area as mareas leva a ameixa.

Como definiría a situación económica da entidade?

Poderiamos dicir que é solvente. Temos unha serie de convenios co concello, a parte das subvencións que concede a Consellería do Mar. Pero non se podería dicir que é autosuficiente porque dependemos dese convenio co concello.

O marisqueo é a principal actividade da confraría?

Si, hai entre 18 e 20 mariscadoras. Barcos soamente somos oito. Unha particularidade que temos é que as mariscadoras venden o seu produto na propia confraría e nós temos que ir vendelo a lonxas de fóra, en Burela e en Cedeira.

Por que teñen que comercializar o peixe noutras lonxas?

Aquí non temos lonxa, só se realiza a venda de bivalvos e son poxas que se fan case que unha vez cada dúas semanas. Hai instalacións en Ortigueira para vender a ameixa, pero non son aptas para comercializar peixe.

O 2018 foi un bo ano para a confraría nas capturas?

Non, este ano incluso o marisqueo tivo menos produción que o ano pasado. E no mar xa se sabe como é, cada ano que pasa vai a menos.

Cales son os maiores problemas aos que se enfronta a frota local?

A falta de cota. Nalgunhas especies nótase máis, como na xarda. No resto é o de sempre. Cada ano hai menos peixe no mar. Os cupos que temos non os damos collido. Isto débese a varios factores. Un deles é a sobrepesca. Hai moito aparello no mar, sobra. Logo tamén inflúe a contaminación e o cambio climático. Antes había moitas algas por tódolos sitios, pero agora non hai algas nin pulgas na praia. Baixo o meu punto de vista o que máis influíu foi a sobrepesca. Poderíase facer algo máis para buscar algún motivo concreto, a parte do cambio climático ou de que subira a temperatura da auga ten que haber algo máis para que as algas se extinguiran practicamente. Non hai.

En que repercute esta falta de algas?

Cambia o ecosistema enteiro. A parte da protección, as algas axudan á cría das especies, para o desove, a moitas outras cousas. Son unha parte moi importante. Tamén é un factor relevante na escaseza de marisco ou máis ben no seu declive. O que está claro é que se deu nun espazo de 20 anos. Recordo cando era rapaz e ía coa chalana tiñas que mirar os remos para non metelo moito senón despois podías levantalos porque se enredaban nas algas. E iso aquí polo menos desapareceu. Sería interesante e necesario que se fixeran estudos porque non se lle pode botar toda a culpa ao cambio climático nin á subida da temperatura da auga. Aínda que si é certo que os ecosistemas son moi sensibles.

Teñen problemas cos pescadores furtivos?

Temos un vixiante, pero problemas hai como en tódolos sitios. Na ría penso que non teñen tantas dificultades. No percebe si que hai máis incidencia, pero tamén é máis difícil de controlar. Certo é que na ría teñen collido a algún, pero non chegan a ter moita incidencia. Nada que ver cos problemas que sofren nas Rías Baixas.

Como está a situación do recurso?

Para min a situación está en decadencia, polo menos nesta zona. A calquera arte ou especie que vaias non atopas, non hai abundancia. Aquí sempre andamos ao polbo, e agora notamos un descenso drástico. Chegou un momento no que se estanca e de aí non sobe. Non hai as pesquerías que había antes. Tamén cada vez dura menos o tempo que se colle.

Sería importante que as administracións deran un paso para mellorar a situación?

Si. A Administración podería endurecer un pouco máis a normativa. Que de algunha maneira nos dera a entender que non compensa non cumprila. Porque tanto dá non realizala porque se só che impoñen unha multa de 500 euros, si nunha noite vas a sacar 2.000, o seguirás facendo. Nese aspecto se debería endurecer máis a lexislación porque ao fin e ao cabo os que estamos explotando o recurso somos os pescadores.