A confraría de pescadores de Camariñas ten novo patrón maior dende as pasadas eleccións. José Ramón Lema presentouse como candidato porque quería un cambio. Polo momento aumentou o número de horas de vixilancia dos bancos marisqueiros e comezou un proxecto de venda online.

Que lle levou a presentarse como candidato para ser patrón maior da confraría?

Queriamos un cambio. Parecíanos que isto non ía todo o ben que debería. Por iso nos presentamos un grupo de xente nova e gañamos.

Dende que chegou ao cargo mudaron varias cousas?

Si, houbo un cambio radical de 180 graos. Para ben ou para mal. Os traballadores que temos cambiaron a súa rutina, marcámoslles un horario e facer os seus labores, algo que antes non se facía, xa fora porque non llo mandaban ou non sei, aí xa non me meto. Nós somos mariscadores e antes facíanse unhas gardas, pero en vez de cubrirse as 24 horas do día só se facían catro ou seis, e agora cubrimos as 24. Logo aquí na Costa da Morte é moi complicado vender o teu marisco, sobre todo pola loxística. Da Coruña aquí hai 100 quilómetros polo que non podes mandar a unha persoa tódolos días para comprar e que cheguen e non poida facelo. Agora puxémonos nunha páxina web, que a facilita a Consellería do Mar, para poder vender o produto tamén dende aí.

Estase a traballar para desenvolver a venda online ou xa está funcionando?

Está case comezando. Xa firmamos os papeis, as cousas xa están listas para comezar, o que pasa é que poñer a andar isto para 35 confrarías é moi difícil. Isto suporá un cambio radical para todo, tanto para o marisqueo como para o polbo, porque estando noutro sitio de Galicia podes compralo. Despois a loxística a poñeriamos nós. Levamos un atraso monumental.

Hai que apostar pola innovación ademais de manter medios tradicionais como as vendas en lonxa?

Si. A poxa directa seguiría igual, ademais dos compradores. Agora temos tres aquí, pero xa temos contratado con Cambados case 40 depuradoras, polo que se sumarían aos outros tres compradores. Para nós é un avance terrible.

Cales foron os principais retos aos que se tivo que enfrontar dende que está no cargo?

Poñer a andar isto, que é bastante complicado. A xente está acostumada ao de antes. É moi difícil que se poña agora unha persoa nova ao cargo porque non a coñeces e tes que confiar nela. Pero a base de traballo e de tesón imos saír adiante. Temos un grupo que é unha marabilla. A presidenta das mariscadoras é moi traballadora, a xunta xeral dáche a vida porque ás veces tes momentos baixos e aí están eles para levantarche porque non é tan fácil estar aquí. O noso reto é poñer isto a camiñar, comezamos en outubro e adiantamos moito xa. Son cousas que ao mellor dende fóra non se ven, pero nós si.

Como valora estes meses que leva como patrón maior?

Son momentos de moito traballo, de viaxes... Nós queremos poñer as cousas da nosa man, levalo nós e que non quede nada ao azar, e iso é algo que dá moito traballo. Pero por iso non hai problema porque é o que queremos: traballar. Só queremos que isto vaia para adiante e que a sorte teña pouco que ver.

Como está a situación económica?

É mellorable. O que pasa é que as confrarías dependen de varios factores: do mar, de se o tempo está bo... se acompaña pois os ingresos son maiores. Agora levamos unha racha na que o mar non che deixa traballar. Cando empeza a funcionar isto? Pois no verán, é cando comezamos a levantar. O que axuda moito é o cerco e o marisqueo. O que pasa é que aquí temos de todo (cerco, marisqueo, percebe, ourizo, navalla, polbo), pero o que fai falta é que veña bo tempo e que nos deixe traballar. Despois é empurrar todos a unha.

O 2018 foi un bo ano para a entidade. Podería repetirse neste exercicio?

Difícil non é, sempre contando que poidas saír. Se vas ao mar e pescas vas ter ganancias, se non vas non xeras nada. Entón depende das circunstancias, moitas veces do tempo. Se axuda e vén bo non hai problema.

Ata maio o tempo non deu moita tregua.

Non, non axudou moito. Ademais agora no marisqueo tamén estamos parados porque hai toxina. Pero a pesar desta situación penso que isto vai mellorar e o levantaremos. O mal tempo non durará moito máis, máis ou menos en xuño xa estaremos traballando a pleno rendemento. Ou iso espero.

O percebe, o berberecho ou a ameixa tamén son especies importantes para a confraría.

Si, pero agora levamos parados preto de dúas semanas. Normalmente temos bastante marisco, pero de momento non está dando a talla. O que pasa tamén é que o berberecho medra moito cando hai sol, coas boas temperaturas. Temos futuro, hai moita cría, pero temos que esperar. De momento entre a toxina e que non hai moito adulto vamos tirando pouco a pouco.

Como están os bancos marisqueiros? Como os coidan?

A súa situación é boa. Levamos traballando moito tempo neles. Dende que comezamos os sementamos, os aramos, e tamén se vixían, por iso puxemos as 24 horas de vixilancia. Isto é todo unha cadea. Tes que sementar, vixiar e vendelo moi ben. Que é o que buscamos coa venda online.

O furtivismo está a dar problemas en Camariñas?

Algo sempre hai, pero se ti estás as 24 horas vixiando non lles dás posibilidades de actuar aos furtivos. E iso foi o que fixemos: disuadir. Xa non agardar a velos para sacalos, se non disuadilos para que non empecen. Se saben que estás vixiando as 24 horas eles non van ir.

As administracións traballan para axudar e mellorar a pesca?

Podería facerse máis. Non digo que sexa insuficiente o que fan porque seguramente están traballando moito. Tamén é que dende fóra vese todo máis fácil, pero todo pode ser mellorable.

Á hora de facer normativas os políticos deberían coñecer a situación a pé de porto?

Si, sería a clave. Tes que ser do oficio, hai que saber do que falas. Por exemplo, eu son patrón maior, pero sei máis duns oficios que doutros polo que podo opinar máis dos que sei, aos que me dedico. Sen embargo do resto terei que asesorarme e falar con xente que de verdade o coñeza. Por ser patrón maior non podo dicir isto e andando. Non. Terei que asesorarme. E iso é o que lles pasa a eles. Saberán dunhas cousas, pero doutras non.