O pasado 1 de maio abriuse a pesquería da sardiña para a frota de cerco da comunidade logo das peticións que fixera o sector para que a campaña comezara a comezos deste mes. A pouca cota asignada para España „correspóndenlle 10.799 toneladas„ provocou que o límite de capturas durante este mes fora de 1.000 quilos semanais por embarcación, unha cantidade "escasa" segundo o sector. Ante esta situación e ao ter dispoñible menos cantidade da especie para capturar, as lonxas galegas recibiron nestas dúas semanas un 6,3% menos do recurso en comparación co mesmo periodo do ano pasado (48,8 toneladas polas 52,1 do 2018). Os únicos portos que si viron aumentadas as descargas de sardiña foron o da Coruña „chegaron 16,3 toneladas polas 7,2 do ano pasado„ e o de Portosín „recibiu 12,9 toneladas polas 11,4 do 2018„, segundo os datos provisionais da Plataforma Tecnolóxica da Pesca, dependente da Consellería do Mar.

A pesar deste descenso na cantidade comercializada, os ingresos xerados polas 48,8 toneladas da especie ascenderon aos 134.961 euros, un incremento do 54,5% con respecto aos 87.367 euros rexistrados no 2018. A lonxa da Coruña foi a que máis facturou, concretamente 45.051 euros, cinco veces máis que hai un ano (8.620 euros). Este xoves o centro de primeira venda coruñés comercializou preto de 3.000 quilos da especie por 2,5 euros o quilo de media. "Nestas semanas chegou algo de sardiña, pero pouca cantidade. O máis forte comeza a partir de xuño, ademais aínda hai moitos cerqueiros no Cantábrico coa anchoa", sinala o responsable da caixa da lonxa da Coruña, Ignacio Iglesias.

A pouco máis de dúas semanas do inicio da pesca desta especie, o sector non está sorprendido cos números obtidos ata o momento. "Está indo como pensabamos", apunta o representante da Asociación de Armadores de Cerco de Galicia (Acerga), Andrés García. Sabedores da pouca cota que teñen dispoñible, a idea que manexan os cerqueiros é a de ampliala todo o posible. "Os barcos tratan de non pescala para poder alongar a campaña o máximo posible , que sabemos que vai ser curta, e agardando mellores prezos", sostén García, que engade que o recurso está a ter bo valor nas vendas "de entre 1,5 e dous euros o quilo".

Campaña reducida

O ano pasado a pesquería da sardiña pechou a comezos do mes de setembro, pero debido á menor cantidade dispoñible que hai para este exercicio o sector teme que se peche antes. "Todo dependerá de se hai un aporte de cota ou non. Se non o hai seguro que vai a ser curta de todo", lamenta o portavoz de Acerga.

Os cerqueiros descartaron facer unha pesca dirixida da especie porque a cantidade dispoñible para capturar é "reducida". "Os barcos que collen sardiña o fan porque a última hora non atoparon outra cousa e se ven sardiñas as pescan", concreta García. O sector ten a vista posta no mes de xuño, cando se celebra San Xoán e o prezo da sardiña soe elevarse ante a demanda. "A cota semanal xa será de 6.000 quilos, pero a ver o que dura", puntualiza o representante de Acerga.