A confraría de pescadores de Muxía segue contando con Daniel Castro como patrón maior. O maior reto ao que se enfronta é a falta de relevo xeracional que provoca a desaparición de embarcacións. Ademais, apunta que os políticos deberían contar co sector xa que é o que coñece a realidade.

Cales foron os motivos que lle levaron a volver a presentarse ao cargo?

Aguantar o que conseguimos e levar a mesma política que temos na confraría. Isto ten que ser sostible, e nada máis. O noso obxectivo é aguantar da entidade, seguir cos empregados que temos e que funcione do mesmo xeito. Hai ocasións nas que hai algún conflito, polo que tes que facer o posible para que non haxa complicacións. A xente da confraría é moi traballadora, cada un cumpre a súa función.

Esta é a terceira vez que dirixe o pósito de Muxía, como o afronta tendo esa experiencia?

Afróntase como calquera outro traballo. É unha cousa que está aí e tes que tratar de facelo o mellor posible. Cando hai algún problema na confraría non podes ser un ditador, tes que resolvelo coa xente, falar con uns, con outros... É como a vida. Complicarse é unha bobada, se hai un problema tratar de resolvelo e falar con quen lle corresponda. Hai que facer o mellor para a xente.

A que retos ten que facer fronte?

O sector do mar é como outro sector primario: están todos en caída libre. A maior parte da xente que traballa nisto é xa maior, polo que o reto é aguantar o que hai porque non hai xente que nos substitúa. Ninguén quere ir ao mar e nin ninguén quere ser agricultor. Todos queren desempeñar un cargo cunha pluma ou unha cuartilla e detrás dun escritorio, pero non pode ser porque se non hai pescadores nin agricultores non hai que comer.

O reparto das cotas está mal feito?

Si, dende o primeiro día que se levou a cabo. A maioría da xente que andamos ao mar traballamos de luns a venres, igual que no Estado. Se estou no mar e teño que ir a unha reunión para o reparto teño que parar o barco, polo que non só perdo eu se non que tamén o fan os oito homes que non poderían ir a traballar. Non nos podemos queixar porque a maioría das veces avísannos porque temos que estar informados. A culpa é nosa porque non asistimos cando temos que facelo.

Á hora do reparto saen prexudicados por non poder compaxinar o traballo coas reunións?

Os funcionarios só traballan de luns a venres. Nós estamos sábados e domingos en terra, pero somos nós os que temos que perder días de mar e de traballo para ir a reunións. Para resolver un problema coa Administración tes que ir de luns a venres a determinada hora ou cando che queiran atender. Se hai mal tempo si podemos ir, pero se non perdemos de traballar e perde a xente que vai contigo ao mar e a empresa. Non se busca que nós esteamos ben.

Comentaba antes que non hai xente nova que entre no sector.

Non hai xente nova e logo a xente válida de fóra que quere vir non lle deixan. Hai miles de indonesios que queren traballar aquí pero non poden nin con contrato de traballo, cerráronlles a porta aínda que é xente moi válida. Hai falta de xente no mar porque non lles deixan vir.

Como está a situación económica na confraría?

Para nós o importante é que chegues a fin de ano e presentes táboas e dea para pagar aos empregados. Os servizos que usamos na confraría pagámolos todos. Hai que concienciar á xente de que os ten que pagar. Tes a catro ou cinco persoas que traballan na confraría e tes que pagarlles tódolos meses e ao final de ano non pode haber beneficios. Se hai algún báixanse os prezos dos servizos. Se a cota que se paga é de 20 euros e hai beneficios, rebáixaselle un pouco. Tamén temos algunha subvención para pagar a algún dos empregados. Dan unha axuda moi grande, se non as confrarías pequenas terían problemas para seguir.

Ao longo destes anos o número de embarcacións asociadas á entidade diminuíron?

Foise reducindo bastante. A xente que se foi xubilando do mar desfíxose dos barcos porque non había quen seguira con eles. Entón as embarcación haberá que vendelas ou tiralas. Non hai xente que veña detrás.

Ao perder eses barcos tamén se perden traballadores.

Claro. Se ti pechas unha empresa, perdes traballadores. Pero iso non quere dicir que deixe de haber falta de traballadores. Tamén hai xente que busca unha mellor vida noutro lado e iso tes que respectalo. O que xa non é tan respectable é que haxa xente vivindo do Estado, todos temos que axudar.

O 2019 comezou ben ou está sendo complicado?

O mar sempre foi igual, polo que iso depende do tempo que faga. Hai meses nos que non se pode pescar como tal, pero vaste defendendo con outro tipo de pesquería. No palangre dedícaste a coller un ollomol, unha pescada, unha bertorella... Tes varias modalidades e despois están os peixes que teñen TAC e os que non o teñen, e en función diso vas facendo o ano. Os cambios de modalidade que nos dan agora mesmo non valen para nada porque para ir ao rastro 15 días non o emprego.

Que a Administración lles dea 15 días para usar unha arte non chega.

O que non podes é cambiar unha arte por dúas semanas porque cando mudas a arte xa pasaron dous ou tres días e despois tes que volver a solicitar o cambio dentro deses 15 días. Tes que esperar a que cho dean, ou non. Facer ese troco de artes leva moitas horas nas que non podes ir faenar .

O mar non ten tanto descanso como antes e por iso hai menos recurso?

Cando foi a catástrofe do Prestige no sector estábamos inquietos porque non sabiamos que ía pasar. A toro pasado foi o mellor paro biolóxico que tivemos na historia no Cantábrico Noroeste. Aqueles meses nos que estivemos parados o mar recuperou o que ninguén pensou que podería recuperarse. Iso ensinounos que o mar pódese recuperar. Se se aplicara a lei que impulsou Laxe como se indicou, Galicia estaría viva. Simplemente con aplicar o que ten cada flota na súa licencia de pesca.

Como valora o traballo das administracións?

Hai xente moi boa, pero outra que non o é tanto. Pero dende un despacho non se pode rexer, tería que haber xente do sector. As persoas que representan a pesca son funcionarios, sen embargo os problemas reais os coñece a xente do mar pero non se conta con nós para nada. Eles impoñen o que hai que facer pero dentro do sector hai segmentos diferentes entre si.