José Antonio Pérez segue ao fronte da confraría de Ribeira á vez que preside a Federación Galega de Confrarías. O principal problema que afronta o sector en Ribeira e en toda Galicia é a falta de cotas dispoñibles. "As posibilidades de pesca van minguando moito", lamenta Pérez.

Que lle levou a presentarse de novo ao cargo?

A decisión foi motivada polo meu equipo. Contaba con numerosos apoios e queriamos rematar, polo menos, os proxectos que tiñamos pensados. Polo menos algúns porque sempre queda algo pendente. Queriamos ver algo feito e iso foi o que máis me motivou.

Que proxectos ten pendentes de facer?

Os que máis nos influían eran os do porto. Queremos poñer uns pantaláns dignos tanto para a descarga do peixe, xa que temos unha lonxa das máis competitivas de Europa, como para as embarcacións. O noso porto é un pouco especial porque está aberto cara ao público e estamos a sufrir moitos roubos e actos vandálicos. Por iso tamén queremos protexer as empresas dos mariñeiros, porque Ribeira fundamentalmente vive do mar.

Cales son os principais problemas aos que se enfronta a frota da confraría?

Os que atopamos están relacionados co sistema de Totais Admisibles de Capturas (TAC) e cotas. As posibilidades de pesca van minguando moito. A xente intenta vender os barcos como pode porque non ten cota. A xuventude, fillos de armadores, non quere seguir cos barcos porque ve que todo son problemas. Ven as discusións que hai entre nós e os problemas que levamos á casa, o que lles bota para atrás. Agora o ministro de Pesca deulle toda a competencia á Garda Civil, semella que somos terroristas. Para alcanzar a meta que eles queren hai que conseguir máis cota para os barcos españois para que poidamos pescar, non mandarnos á Garda Civil.

Poderíase facer algo para cambiar o reparto das cotas?

É algo complexo. Déronme a oportunidade de estar en Bruxelas e defender a pesca artesanal e o que vexo é que todo é política. Aquí tivemos unhas delegacións, membros da comunidade europea, que estiveron mirando como é a baixura en Galicia, como se traballaba, como se pescaba, a forma de vida que tiñamos. Eles dábannos a razón, viron que necesitabamos máis cota porque viviamos diso e tiñamos moitísima frota. No último ditame que fixeron dixeron que estaban de acordo connosco, pero había que decidilo cos estados membros. Aí démonos conta que é unha guerra comercial. Non é se se dá máis peixe ou non. Vemos que hai moitísimas cousas que non entendemos porque o ICES dixo que non hai peixe, nós opinamos o contrario porque vemos a cantidade de peixe que hai. A proba está en que se equivocaron no tema da xarda e agora querían dar máis do dobre cando xa non a hai. Estanse equivocando coa sardiña xa que din que non a hai pero nós si a vemos no mar.

Con xuño xa comezado, que balance fai dos primeiros meses do 2019?

Cando comezamos o ano sempre é complicado. O 1 de xaneiro entrou en vigor a lei que prohibe os descartes e iso é unha forma de que desapareza a pesca. Esta semana cambiaron a cota do ollomol reducindo a pesca a 15 quilos por día e barco. Falamos de pesqueiros que levan a máis de 15 mariñeiros. Iso é unha cousa ridícula e unha forma de estrangulamento porque non o podes tirar ao mar nin o podes pescar. Unha vez que se acabe a cota hai que amarrar o barco, non pode saír ao mar porque non pode traballar ao palangre nin co aparello nin co arrastre porque podería pescar ollomol. A frota estaría abocada a amarrar e a desaparecer. Por iso é unha forma de comezar mal o ano.

O segmento que vive unha situación máis complicada é a baixura?

Si, porque a forma de vida da pesca artesanal é a que nós chamamos a venda por lotes. Imos ás betas e tanto pescamos unha faneca, como unha pescadilla, como unha xarda. Se poñen límites a todo, entón que pescamos? Agora nin podemos tirar ao mar o que collemos a maiores pola prohibición dos descartes. Tes que traelo para terra, botalo para descartes e aínda por riba descóntacho da cota. O que queremos é que estea libre do sistema de TAC e cotas porque vivimos deses lotes.

O marisqueo responde?

Estamos notando escaseza nalgunhas zonas nas que sempre houbo marisco. Non está criando aí, se non noutras zonas. O que si vemos é que desova máis tarde. Penso que é polo cambio climático. Nós traballamos moito coa fábrica e este ano chegamos a vender a ameixa babosa a 79 euros. Pero como cada vez desova máis tarde non nos alcanza o tamaño que desexamos.

Hai algún estudo que explique por que se está a dar esta situación?

Solicitamos un biólogo da Consellería do Mar para montar cámaras no fondo mariño e mirar o substrato, e díxonos que era moi bo para a ameixa. Pero entón como é posible aínda que sementemos a ameixa non dá? Non chegamos a unha conclusión, pero os científicos, a través das cámaras, dixéronnos que houbo un cambio na corrente. Parece incrible porque o mar é todo o mesmo, pero as correntes mudan dun xeito ou doutro. Este ano imos intentar labrar ben o terreo, a ver se somos capaces de que fixe máis a ameixa.