Os socios da confraría de Caión reelexiron a Héctor Morgade como patrón maior nas eleccións de outubro. Ao ser unha entidade pequena non ten moitas dificultades económicas, pero a frota si que xera máis gastos dos desexados. Morgade pide ás administracións que dean máis cota aos barcos porque "vemos pasar o peixe pero non podemos pescalo".

Cales son as principais dificultades ás que ten que facer fronte?

Dificultades poucas temos porque somos unha confraría moi pequena. O tema que podería dar máis problemas sería o económico. Non temos moitos gastos, aínda que tampouco é que teñamos moitos ingresos. Por agora ímolo levando bastante ben.

O número de socios estase a manter?

Aumentamos dúas embarcacións máis nos últimos tempos. Agora mesmo somos 17 percebeiros e oito embarcacións.

Ve que a xente se anima a entrar no sector?

Si. A última incorporación que tivemos foi a dun rapaz daquí do pobo, un mozo de 22 anos. Polo menos ves aí xente nova. A el véselle coa idea de continuar e semella que algo vai aumentando.

A xente nova é un pouco reticente á hora de entrar a formar parte del?

Si. E que o sector, a nivel xeral, vese que non está pasando polos seus mellores momentos tanto en temas de cotas, como administrativos ou políticos. Hai bastantes problemas. Hai escaseza de cotas, sen embargo hai peixe no mar pero non o podes pescar. A falta de xente no sector tamén é outro problema engadido. Se o peixe que hai se puidera pescar a cousa cambiaría bastante.

Teñen lonxa, pero non venden nela, nin o percebe.

Non, xa non. Ao non haber compradores non hai vendas. Se ti tes oferta pode vir xente ás poxas, pero por tres ou oito caixas de percebe non van vir. De feito, lonxas máis grandes que a nosa, que teñen máis oferta, levan o marisco para alí. Polo que se está a ver, a solución pasa por centralizar a venda nun sitio, onde haxa máis oferta porque tamén hai máis demanda.

Unha alternativa para isto sería facer un punto de venda común entre varias confrarías ou máis a nivel Galicia?

Tamén podería pasar por iso. Nós tampouco temos tantos problemas. Fai anos houbo un proxecto para facer unha lonxa en Vimianzo para centralizar as vendas, pero nós chegariamos antes á Coruña que a esa zona. Ao mellor para lonxas máis afastadas como Fisterra ou Corcubión centralizar as vendas nun lugar cunha distancia asumible para todas podería ser, aínda que a nós pouco nos beneficiaría.

O polbo é a principal especie que captura a frota, sería necesario facer unha veda máis longa?

Non, para min non se debería ampliar. Son ciclos biolóxicos e tanto dá que a veda dure mes e medio ou dous. O polbo fai todos os anos o mesmo. Chega un tempo no que sempre falla. Que non digo que unha prolongación da veda lle fixera mal, pero son ciclos biolóxicos e cada ano é diferente. Se lle poñemos seis meses de paro claro que se notaría, pero non se poden poñer porque non é viable porque é un recurso co que subsiste a maioría da frota.

A totalidade de embarcacións da confraría son de artes menores. Cales son as principais dificultades que teñen?

Hoxe en día as maiores dificultades que teñen estes barcos son os gastos. Fai 20 ou 25 anos a frota de artes menores non tiña nin a metade de gastos que ten agora.

Levar tantas cousas no barco é necesario?

Cada cousa debería estar correspondida co que é. Hai embarcacións na que case é máis grande a caixa de primeiros auxilios que o propio barco. Debería ir correspondido co tipo de buque. Faise un gasto moi grande en material sanitario. Cada vez que vas a revisar a caixa de primeiros auxilios costa sobre 60 euros. Mercas un material que o vas a rematar tirando sen habelo usado. Iso realmente é innecesario. Teriamos que levar unha caixa de primeiros auxilios adaptada ás embarcacións de artes menores que traia as cousas que si precisamos. Para que queremos inxeccións e xiringas? Se total non as vamos a usar.

Como vai a extracción do percebe?

No mes de xuño non tivemos ningún día de traballo porque non había percebe. Agora en xullo si se comezará de novo. A sorte que tivemos foi que chegamos a un acordo coa confraría da Coruña para solicitarlle á consellería poder traballar na cara exterior do dique do porto exterior da Coruña. Autorizáronnolo e esperamos comezar a traballar agora o mes que vén. Ao quedar sen unha zona de percebe para nós conseguir isto é moito.

Como valora o papel das administracións no referente á pesca?

Os barcos deberían ter cotas para poder pescar peixe. O problema é que vas ao mar e o ves cheo de recurso. Pasa por diante da túa porta pero non o podes pescar. Iso quere dicir que en España hai mariñeiros de primeira e de segunda. Aquí tivemos oito días de traballo para capturar xarda antes de que se esgotara a cota, cando antes esa costeira duraba tres meses. Pero no País Vasco e Cantabria si poden pescala. Aquí vivimos todos do mesmo. O ideal sería ter unha cota equivalente para todos. Botar meses sen gañar un duro cando o peixe está aí é moi complicado.

Os políticos ás veces descoñecen aspectos do sector?

Non digo que coñezan ou non como vai o sector. Digo que en vez de facer caso aos científicos deberían asesorarse máis co sector. Aquí todo se basea en aspectos científicos, pero ao final os que estamos todos os días no mar somos nós, e os patróns dos barcos saben que peixe hai no mar, se é sardiña ou xurelo. As administracións tíñanse que fiar máis do que di a xente do mar.

As artes menores deberían estar excluídas do sistema de TAC e cotas?

Case que si. Non é beneficiar a uns e prexudicar a outros, pero unha embarcación de artes menores de 12 metros non é nada. Como poden considerala unha embarcación semiindustrial? Esa será un arrastreiro de litoral ou un barco de cerco de máis de 20 metros. Non entendemos como poden equiparar un barco de artes menores con outros que chegan aos 50 metros.

A pesca cambiou para mellor ou para peor dende que comezou a traballar nela?

Cada vez hai máis dificultades. Antes unha embarcación de artes menores aínda che deixaba unha ganancia. Agora duns anos para aquí trátase de subsistir. E nada máis. Capear o temporal e subsistir. O sector foi a peor porque hai pegas por todo.