A confraría de Camelle contará unha lexislatura máis con Juan José Bermúdez como patrón maior. A principal dificultade á que se enfronta a entidade está relacionada co furtivismo, aínda que Bermúdez indica que se reduciu nos últimos tempos grazas ao apoio da Consellería do Mar e do Servizo de Gardacostas de Galicia, co que organiza batidas.

A que dificultades se enfronta a confraría?

Está o tema do furtivismo, aínda que nos últimos tempos vai a menos. Isto é grazas a que está Rosa Quintana na consellería porque teño vivido experiencias con anteriores conselleiras. Cando a chamo por teléfono e lle digo que nos están a roubar percebe inmediatamente me contesta. O subdirector de Gardacostas, Lino Sexto, tamén responde cada vez que fai falta. Cando os furtivos están collendo o percebe organizamos batidas cos vixiantes da confraría e os inspectores de pesca. Unhas veces as organizamos dende a confraría cos vixiantes e algún armador, porque tamén hai xente no pósito que ten medo aos furtivos. E outras veces, logo de chamar á conselleira ou a Sexto, organizamos as batidas pero só cos inspectores de pesca.

É un problema que vén de atrás?

O furtivismo non só vén de fóra, se non que tamén o temos na confraría. Esta semana tivemos unha reunión cos armadores da confraría para informarlles de que tanto eles como os seus mariñeiros se arriscan a quedar sen pérmex (permisos de explotación) como os collamos coas mans na masa como xa temos collido a algún mariñeiro do pósito. Nese caso lle retiraron o pérmex da embarcación e a habilitación e ata que pague unha multa non llos devolven. Nós queremos que isto sexa bo para todos, queremos tranquilidade. Imos coidar o que temos aquí porque o mar é unha riqueza se se sabe coidar e organizar.

A vixilancia é a suficiente para combater os furtivos?

Nunca é suficiente porque sempre hai falta de xente. Se non é nun porto é noutro. Na miña zona, que está dentro do radio de acción da base de Muxía, sempre nos atenden e veñen. Vexo que chamo e responden, no meu caso. Non chegan ao momento porque hai que preparar os equipos, coordinámonos e facemos unha batida. Non llo podemos dicir a ninguén cando saímos. Non conto na confraría cando facemos un operativo, nin ao cabido nin á xunta xeral. Quero todo segredo porque as noticias e os chivatos corren coma a pólvora.

Como definiría a situación económica da confraría?

A consellería proporciona unha axuda para pagar parcialmente aos vixiantes e a Deputación da Coruña tamén subvenciona á secretaria e ao administrativo e cando lle pedimos, por exemplo, un ordenador tamén nolo mandan. Se non tiveramos estas axudas das administracións ía ser moi complicado saír adiante.

A veda do polbo rematou o 1 de xullo, precisa máis tempo de recuperación que un mes e medio de parada?

Pola miña parte tiña que estar tres meses en veda. Hai que darlle máis tempo. Os que traballan a terra saben que as patacas non saen ao mes de plantalas, teñen que estar o tempo necesario na leira. Ás veces a UE dá unha partida de cartos para a axudas nas que en ocasións algúns van de volta porque non se usan. Pero en vez de levalos de volta sería mellor usalos para pagar unha parada biolóxica. Pediría unha veda de tres meses e que o tamaño mínimo da especie fora de quilo e medio, para deixar que o recurso creza ben e non se pesquen alevíns. Habería que probalo a ver cales son os resultados.

A frota local é na súa maioría de artes menores, cales son as principais dificultades que ten este segmento?

A escaseza de cotas. Deberían de darlle máis, por exemplo no caso da xarda. Fai un par de anos había na zona preto de 20 barcos vascos pescando xarda mentres algunhas embarcacións de aquí estaban mirando. Tamén temos a multa pola sobrepesca da xarda fai uns anos. Eses erros hai que miralos e emendalos para que non se volvan a repetir. Logo está o tema da contaminación. Temos que ser conscientes da necesidade de ser un pouco máis curiosos e limpos. Por exemplo cando se estraga unha rede, metela a bordo e levala ao porto en vez de deixala tirada no mar. No peirao hai contedores onde botalas, e tamén o aceite. Temos que axudar todos un pouco.

O percebe é unhas das principais especies de Camelle, como xestionan a súa extracción?

O ámbito territorial de extracción de percebe na nosa confraría está dividido en catro zonas. Mentres traballamos nunha, as outras descansan e van criando a especie. Normalmente traballamos tres meses nunha e vamos cambiando pasado ese tempo. Pero debería de haber vedas dun ano, por exemplo que na zona A non se collera o percebe durante un ano e ir rotando ano a ano. O que temos é que gañar cartos sen romper tanto o lombo.

Hai relevo xeracional na súa zona?

Si, os novos están animándose a traballar no sector. Incluso agora unha rapaza vaise enrolar comigo, vai vir no meu barco ás algas. Desde fai dous meses na confraría enroláronse oito persoas novas. A xuventude estase animando porque ven que aquí se combate o furtivismo e hai lei. Se hai que darlle un tirón de orellas a un patrón ou a un armador dáselle. Aquí non nos casamos con ninguén.

Hai algunha petición que lle gustaría facer á Administración?

Gustaríame cambiar o horario de traballo na extracción das algas. Está comprendido entre as oito da mañá ata as dúas da tarde, pero queriamos modificalo para que sexa desde as nove da mañá ata as cinco da tarde. O importante non sería o horario, porque ao final o que tes que traer é o tope. Pola mañá, cando vamos ás algas, a marea soe estar baixa. As embarcacións quedan fondeadas co patrón e co mariñeiro e os submarinistas temos que ir nadando unha distancia duns 30 metros cara a costa. Para iso temos que ir por riba das algas pero coa marea baixa hai moito afloramento e complica o noso paso. Preferimos ir ás algas coa marea chea. Voullo comentar á conselleira, a ver que se pode facer. Esperamos que a bióloga nos acompañe para sacar un vídeo e que se vexa a dificultade que temos coa marea baixa.

A pesca terá un bo futuro?

Hai que traballar con sentidiño. O que non se pode facer é pescar, por exemplo, con dinamita. O ideal sería poder erradicar o furtivismo, que as persoas deixaran de extraer recurso ilegalmente. E que os barcos declaren o que en realidade traen, en especies e cantidade.