Verónica Veres exerce a profesión de redeira dende o 2006 e actualmente preside a Federación Galega de Redeiras Artesás O Peirao, que agrupa a 120 mulleres do colectivo na comunidade. Veres confirma que a situación das redeiras mellorou co paso dos anos, pero hai aspectos como o traballo diario, o recoñecemento das enfermidades profesionais e o coeficiente redutor polos que seguen loitando para dignificar o sector e lograr a súa profesionalización.

É redeira dende o 2006, neste tempo a situación do colectivo mellorou?

Si, foi mellorando. Naquel momento as compañeiras comezaron a facer as asociacións. Estaban no punto de partida e hoxe xa estamos consideradas unha profesión, temos un epígrafe, sacouse gran parte do intrusismo... Hai moitas melloras no que se refire á profesión en si, pero respecto ao traballo diario aínda hai moitísimo que facer.

Que engloba o concepto de intrusismo?

Non había ningún tipo de lexislación con respecto ás redeiras, era un traballo complementario e non se consideraba profesión sequera. Traballaba quen quería: xente xubilada, persoas que non estaban dadas de alta... Pero como non había nada que o esixira non rezaban como redeiras. Iso comezou a mirarse en 1999, data na que comezaron a darse de alta as primeiras redeiras, pero non había un selo que englobase este termo. A raíz do accidente do Prestige no 2002 comezouse a lexislar porque cando chegaron as axudas foi cando se veu que o colectivo estaba fóra. A partir de aí quen non estivera dado de alta era parte dese intrusismo.

Comenta que aínda quedan por mellorar aspectos no traballo diario, que pasos habería que dar para que o colectivo estivera nas mellores condicións?

Hai que pensar en recoñecer enfermidades profesionais. Algunhas son propias da profesión e están recoñecidas, pero no día a día, cando as sufrimos, o médico ao mellor non as coñece polo que che dá unha baixa común. Reclamamos e moitas veces volve a vir como desestimado. É unha batalla que cremos que non teriamos que lidar. Hai que dignificar os prezos porque non hai nada que os lexisle e están realmente baixos. Somos o único subsector dentro da pesca que non temos o coeficiente redutor, algo que ten todo o Réxime Especial do Mar menos nós. É totalmente inxusto porque os traballos son igual de forzados que no resto do sector. Tampouco estamos recoñecidas nas confrarías xa que so pode estar a pesca extractiva, polo que non nos inclúe de todo.

Comeza a ser unha profesión coñecida?

Agora xa nos recoñecen por aí, saben quen somos, empezan a saber da nosa profesión, pero á hora da verdade, do traballo do día a día, non. De feito moita xente segue pensando que as redeiras son as que se ven no porto, pero hai moitas máis artes que se fan na casa e seguen sendo descoñecidas en xeral.

Os conflitos que hai coas enfermidades profesionais son con médicos que terían que estar ao tanto, por que se dá este problema?

É por unha simple falta de comunicación. É un pouco absurdo que as administracións non crucen os datos requiridos. Non nos serve que o ISM recoñeza unha enfermidade profesional se despois non lle vai pasar ao Sergas esa información. O médico o que di é moi sinxelo: se a min aquí non me aparece será porque non existe. Cúlpanse uns aos outros cando a cuestión vén pola falta de comunicación. É algo de tan fácil solución que ás veces roza o incomprensible.

Os lugares de traballo están adaptados para as labores que realizan?

Normalmente traballamos nas casetas que hai no porto, pero quen as deseñou o fixo como zona de almacenamento. A realidade é que alí traballa xente e os portos están expostos aos temporais polo que entran correntes polas portas. Nos galpóns pasa o mesmo. Son moi altos para que entren os camións cos aparellos polo que as luces están moi lonxe, así que o esforzo que fas é dobre: o físico, o visual e o de concentrarte. Normalmente son mallas moi pequenas, de cores neutros, polo que non é o mesmo traballar cunha que chame a atención. Os locais non están acondicionados ao esforzo que hai que facer realmente. Hoxe en día traballamos sentadas no chan, enriba de formigón.

En outubro reuníronse con representantes do Ministerio de Traballo, Pesca e Igualdade polo coeficiente redutor. Canto tempo loitan para conseguilo?

Levábamos moito tempo estancados. Dende que se comezou a loitar en 2004 o que nos dicían era que tiñamos que facer proxectos non de lei, que tiñamos que ir ao pacto de Toledo, que é o que se encarga das pensións. Pero sempre que chegábamos ao pacto de Toledo votábase que non. A Administración recomendounos en 2015 a vía xudicial, pero nolo denegaron porque dicían que non somos unha figura representativa (nin sindicatos, nin confrarías, nin unha asociación de empresarios). Tras outros intentos e falar coa vicepresidenta do Estado, Carmen Calvo, conseguimos ter a reunión o 30 de outubro.

E conseguiron chegar a algunha solución?

Temos un abano de opcións. Unha é que o xestionen as confrarías, onde nós non temos nada que opinar, só adaptarnos ao que eles negocien. Outra que propuxo a secretaria de Igualdade é denunciar pola desigualdade que hai, e a terceira é a que expuxo o ISM a partir da que se pode facer unha formulación de modernización da profesión. Quedamos en reunirnos de novo en febreiro e poremos sobre a mesa unhas condicións que consideramos imprescindibles para ir pola terceira opción. A vía da confraría non nos convence porque pensamos que temos que dar a nosa opinión. Vamos a solicitar en xaneiro que a Asociación Nacional de Mulleres da Pesca (Anmupesca), que cumpre os requisitos de entidade representativa, poida representarnos porque formamos parte dela. De aí iremos vendo que opcións collemos, dependendo do que nos ofrezan.

A súa labor permite que os pescadores poidan capturar peixe. O seu traballo está suficientemente recoñecido?

Estamos no punto no que empeza a ser recoñecido polos propios armadores e mariñeiros. Que realmente somos compañeiros porque ao final somos un tándem: se non hai barcos que pesquen, non hai redeiras. Pero a outra parte da moeda, que nunca se tivo en conta, é que se non hai redeiras que non preparen os artes e os aparellos de pesca para saír a faenar, os barcos non teñen con que traballar. A única realidade é que as redeiras son imprescindibles no mundo da pesca. Agora mesmo non hai nada que nos substitúa. Esperemos que nalgún momento se vexa máis alá do sector esta realidade.