Axente do mar sabe do que se fala. E unha pequena parte desta xente é culpable. O mar non está limpo dende vai moitos anos: o mar ten aínda materias contamiñantes, materias que matan animais mariños e que poden trascender á vida humana. No mar quedan restos de bidóns radiactivos guindados de barcos cuxos tripulantes, sendo conscientes do dano que facían con esas verteduras, non decaeron no seu empeño. Cobraron por facer ese noxento traballo. Sábeno os que un día embarcaron no Xurelo para ir protestar na foxa atlántica. Sábeno os que viron como materiais descoñecidos eran guindados ó mar galego dende barco estranxeiros. Tamén dende algún barco que pintaba en gris e non era de pesca nen tampouco mercante. Sábeno asimesmo os que un día confirmaron que no fondo mariño perto da escasa plataforma mariña galega había un inmenso depósito de armas obsoletas que tamén contamiñan. No mar aínda ecoan os estouridos que, non hai moitos anos, provocaban con dinamita os que non tiñan paciencia nen ansias de traballo para pescar con redes. E o mar garda memoria.

Agora, e por mor dunha posible dupla de sentinazos, están a morrer aves mariñas petroleadas por seres sen conciencia, irresponsables que nin sequera merecen o calificativo de mariñeiros porque o mariñeiro de verdade defende o seu medio. Son miserables mercenarios que se venden ó mellor postor e fan o que lles mandan a cambio dunha puñada de euros e sen ter en conta o dano que fan á costa e ós animais que poboan o Atlántico galego. As aves saen, mortas, ás praias. Especúlase, mais non existe certeza sobre o tipo de combustible que, dende unha maldita sentina, se verteu ao mar e este, luxugado xa ata no último estremo, morre matando a esgalla peixes, mariscos e aves. Eles non, eles non morren. Viven caralludamente obedecendo ordes, cobrando cada mes por matar. Poderíase facer unha pescuda a fondo e determinar a que buque pertencen os restos de combustible que quedan nos corpos dos animais recuperados, pero é materia sumamente difícil tirar conclusións porque nas sentinas acumúlanse restos de cargas diversas e non esclusivamente da última transportada.

Emporcan os mares. Como emporcadas están as súas conciencias. E non lles importa un carallo o dano que ocasionan. Empetan cada mes e ingresan nas contas bancarias propias o gañado coa merda que botan nos mares dos que viven centos, milleiros de persoas que existen porque o mar sempre da algo. Mala mar os leve. Mala mar os coma.