Cando Manuel Eiroa tiña 9 anos os Reis Magos trouxéronlle unha trompeta. Este oleirense da Canteira, en Perillo, non sabía entón que tiña entre as mans o instrumento que lle deu "a felicidade total na vida", que o levaría a percorrer medio mundo coas mellores orquestras de Galicia e de España. Fillo e sobriño dun dos fundadores de Los Satélites, Manuel Eiroa é un dos nomes míticos e unha lembranza vivinte da mellor época da música na comarca das Mariñas. O pasado venres participou xunto a outros músicos na iniciativa Arde Perillo, na que se rescatou a historia destes artistas. Con 83 anos, abraia a súa prodixiosa memoria e mentres lembra a súa vida non deixa de cantar e tararear melodías, entre elas Yesterday de The Beatles aínda que é un devoto "salsero".

-Estivo hai uns días no 70 aniversario de Los Satélites na Coruña. Moitas lembranzas?

-Fun moi feliz ao ver que grupo de metal teñen, cun trompetista fóra de serie. Los Satélites foi a mellor orquestra de Galicia, por encima de todos. Cando voltei á casa saquei a miña trompeta, que tiña gardada dende había uns trinta anos, dende que deixei a música e montei o restaurante en Bastiagueiro en 1975. Toquei de novo, e chorei.

-Vostede pertence a unha gran familia de músicos.

-Si, meu pai tocaba o saxofón e estivo cos Canosa de Dorneda e cos Satélites, igual ca mín de novo. E o primo Lolito, Manuel Otero, foi un dos fundadores da orquesta.

-A súa familia é de Perillo pero foron para A Coruña.

-Despois da guerra marchamos para A Coruña, eu tiña 14 anos.

-O venres estivo en Perillo. Viuno moi cambiado?

-Totalmente! Está cheo de casas, quen tivera entón un terreo alí! De pequeno íamos á praia a ver as rapazas que se cambiaban nas casetas e tiñan uns buratos onde podiamos ver como poñían o bañador.

-Formouse nun cuartel.

-Aos 13 comecei a tocar e aos 15 anos meu pai meteume no cuartel da Coruña e estiven alí catro anos, coa banda de música. Oía música pola galena de madeira. Dábannos sopa con máis gusanos que fideos, había ratos... Aí me formei ainda que xa me dera clases unha monxa das mercedarias, música e canto. Quería que cantase na Catedral. Ademais de na banda do cuartel dábanme permiso para tocar en verbenas e cafés. Cobraba vinte pesetas. Comecei cos Canosa e aínda andaba de pantalón curto. Despois fun para A Florida, despois cos Castigadores de Pravio e logo andiven con Panchón de Sada. Cando saín do cuartel fun para a Orquesta X.

-Coñeceu a Antonio Machín.

-E falei con él, foi na Coruña, no café concerto Luisa Fernanda. Entón fundáronse os Satélites e chamáronme. Coñecín a Pucho Boedo, compartimos habitación nunha pensión en Madrid. Estiven en Venezuela e ao volver trouxemos a música tropical a Galicia. Estiven oito anos con Los Trovadores, con Los Españoles, e logo recorrín Finlandia, Noruega, Holanda, Suiza...

-Música tropical, boa voz... Ligaría moito.

-Bueno... Fun trompetista de talla, toquei a Glenn Miller, a Pérez Prado...Tardei en casar. Despois montei o restaurante e deixei a música porque non quería deixar a muller soa e eu estar sempre viaxando.

-Que pezas lle gustaba tocar?

-La muerte tenía un precio con Los Españoles, Mambo Cóldoba con Os Trovadores e Glenn Miller con Los Satélites. A música deume a felicidade total na miña vida.

-Que lle parecen as orquestras de hoxe, París de Noia...?

-Unha trapallada.