A través do ciclo Arredor de Nós, todos os martes pola tarde entre o 3 de novembro e o 1 de decembro o público poderá mergullarse dun xeito diferente na exposición Galicia, de Nós a nós, afondando nun aspecto ou temática concreta da man de grandes expertos e expertas nesa materia. Aspectos como o deseño das icónicas capas da revista que asinou Castelao, a literatura de viaxes ou o devir das xentes de Nós trala desaparición da revista serán temas protagonistas deste programa de visitas, de balde con inscrición previa -que se abrirá o xoves anterior a cada visita-, que desenvolve a Cidade da Cultura este outono.

Será unha oportunidade única para descubrir a mostra cada semana cunha óptica distinta, a través dunha visita en sala a modo de conferencia, versada nun aspecto concreto da exposición do que é especialista o relator ou relatora. Así, o ciclo arrancará coas visitas conducidas pola comisaria e comisario da mostra, Ana Acuña e Afonso Vázquez-Monxardín, continuando coas propostas da doutora en Filoloxía Olivia Rodríguez, o deseñador e ilustrador Pepe Barro, e a licenciada en Historia e en Arte e integrante do Padroado do Museo do Pobo Galego, María Xosé Fernández Cerviño, coa que pecharemos o programa de relatorios o 1 de decembro.