As persoas que tiveron a sorte de asistiren a unha función de teatro para bebés adoitan mostrar interese por repetiren a experiencia. A emoción que destilan estas obras sobre o escenario é de alta intensidade.

As obras para espectadoras/es tan precoces reúnen algúns requisitos. Un deles é a proximidade entre a escena e o público, o que leva a que o patio de butacas se transforme nunha zona pegada ao escenario, con alfombras, coxíns, pequenos bancos..., onde as nenas e os nenos poden permanecer sentados con menos rigor e dun xeito máis acorde á súa anatomía, á beira de seus pais. O segundo requisito é a duración, que oscila entre 25 e 30 minutos, que é o tempo que a atención dun bebé pode fixarse.

As propostas que presentamos este ano son moi variadas, con ou sen palabras, con obxectos, con música, con movemento, con efectos audiovisuais...

Todas elas pretenden espertar unha infinidade de sensibilidades e transmitir emocións achegándonos ao teatro, á danza, á música, á vida.