Margarita Ledo Andión naceu en Castro de Rei en 1951. É Premio Nacional de Cinema e Audiovisual (2008).

Margarita Ledo, o seu cinema e a súa ansia, están presididos pola ferida do tempo. Nun país, nun estado fracturado pola desmemoria, pola amnesia como doutrina, o establishment da España das liberdades recuperadas logrou, por diferentes leitos (algúns directamente represivos), que aqueles que porfiaron por exhumar o que foi a Historia do século XX en España e en Galicia acaben nimbados dun veo quixotesco, no mellor dos casos. Cando Margarita decide en 2004 tratar cinematograficamente a epopea do Santa Liberdade choca contra ese muro de silencio e de esquecemento. Cantos cidadáns deste país coñecían, transcorridos xa 30 anos da morte do ditador, a aventura revolucionaria do DRIL, de Galvao e Pepe Velo? Cantos a coñecen hoxe? Sabe vostede o que foi o DRIL?

A loita pola memoria é o mito de Sísifo. Un desafío fronte o cal unha axitadora como Margarita se vai negar a abdicar. O cinema como axitación, nese sentido, ten que cobrar forza non só como arquivo memorialístico, como recuperación de feitos, voces, relatos, desaparicións ou derrotas. Seguramente a Operación Dulcinea de Galvao e Velo sexa vista hoxe máis como unha representación do imposible.

Creo que desa conciencia da imposibilidade de remover o silenciado nace a característica máis vivificante do cinema de Margarita: a armazón poética, a deconstrución dos mitos. A negativa para artellar o pasado de

acordo ao canon narrativo clásico. A súa posta en escena de Liste, pronunciado Lister, que foi obra inaugural de Cineuropa no 2007, fálanos precisamente desa fuxida de calquera historicismo convencional. É verdade que a figura do xeneral lle sae ao paso á autora en París, como unha reclamación inescusable. "Vostede ten que facer unha película sobre o meu pai". E que Lister perfilar? O do poema de Machado, o da Brigada do Talento ou o personaxe aniquilador do relato anarquista, sobre o cal, con tanta torpeza e maniqueísmo, se atreveron a trotar o dueto Ken Loach & Paul Laverty en Terra e liberdade?

O de Margarita Ledo é o Lister multiprismático, inseparable das súas orixes e do seu contexto. Da súa concepción como home exclusivamente do século XX, o das ideoloxías fortes. Da insólita humanización en imaxes do arquivo familiar. Todo ao que Liste, pronunciado Lister se nega como obra de revelación do mito en palimpsesto ou mosaico, avanza xa o que vai ser exploración do cinema posterior da súa directora: a negación da mirada masculina como a única posible e, en consecuencia, a obstaculización do papel da muller como obxecto de desexo. E iso, nun filme cuxo epicentro encarnaba o mito heteropatriarcal que, dunha maneira innegable, asolagou o ideal comunista nos tempos do culto ao Kremlin.

Esa creación dun canon feminino alternativo que dinamite a función da muller como obxecto flúe como un torrente n'A cicatriz branca, estreada en Cineuropa en 2012, e cuxos excursos poéticos e dramáticos son dirixidos cara á dobre condición ancestralmente subalterna: a de muller e a de exiliada. E Arxentina como o territorio onde se perdeu ata a palabra. Pero onde se poden comezar a gañar batallas.

E en plena consecuencia daquilo, Nación, que veremos neste Cineuropa singular, rearma o discurso da loita de clases desde o suxeito histórico feminino. Poderosas evocacións da muller á que axexa a acusación de endemoniada. A loita colectiva e asemblearia das mulleres de Pontesa fronte ao descaro empresarial, con tantos ecos do mellor Joaquín Jordá. E sempre a ferida do tempo: as vítimas da Guerra Civil, musitadas. As vítimas do neoliberalismo que descoñece as leis. Mulleres asasinadas entón, condenadas ao despedimento, ao arrombamento social. Mulleres ás que lles resta a axitación, o inconformismo, o ánimo colectivo de mover a roca de Sísifo. Como o cinema de Margarita. Que se ensancha. José Luis Losa

Teatro Principal