Furia necesaria de Aldaolado, conta cunha parte importante de narración oral, durante a cal as dúas poetas presentan o tema central baseándose en historias propias e alleas. Outra parte fundamental da función é a musical, na que Lucía Aldao interpreta en directo cancións que adoitan levar aparellado o recitado de textos propios na voz de María Lado. A poesía ten tamén o seu espazo no tempo que ambas poetas dedican a recitar. Por todo isto as montaxes de Aldaolado son espazos transfronteirizos entre xéneros que pretenden comunicar a poesía e a literatura ao gran público, sempre dende un punto de vista ameno e divertido.