Uxío Rodas, escultor e pintor, é considerado polos seus contemporáneos unha auténtica “gloria nacional”. As súas esculturas están nos mellores museos internacionais.

Agora está no seu estudio, apartado da civilización, tentando concentrarse no seu traballo máis importante.

Efectivamente, o goberno do seu país, ao través do seu presidente, antigo camarada de Uxío, acaba de encargarlle unha escultura monumental que se colocará na praza principal da capital. Unha escultura que represente e simbolice á nación.

A Uxío cústalle encarar o seu traballo, está en crise creativa, e estando nesas recibe a visita, primeiro da súa representante e marchante nos mercados internacionais e despois a da propia ministra de Cultura do seu país. O actual debate, arte, cultura, mercados e política está servido.