En colaboración con Estudios Mans - Fundación Paideia

O CDG celebra o centenario do Salón Teatro de Santiago co programa musical Mércores de varanda, que ofrecerá oito concertos de artistas e grupos galegos para conmemorar o centenario da inauguración deste edificio da rúa Nova compostelá, onde a unidade de produción teatral da Xunta de Galicia ten a súa sede desde 1999.

Cantautora, artesá de cancións, tecedora de historias. A través dun estilo persoal que bebe da música de raíz, Sofía Espiñeira canta a intimidade arredor do lume, a reflexión social desde a mirada propia, e o cotián na frescura do patio de veciñas. Unha viaxe entre o pequeno e o universal, o íntimo e o público, a lixeireza e a profundidade. As cousas que pasan ... A vida e a súa canción.

Sofía Espiñeira foi gañadora do Certame da Canción de Autor do Concello de Teo en 2015, o que lle permite lanzar o seu primeiro traballo discográfico "Alá onde agroman as herbas" que son unha serie de cancións creadas por Sofía. Nove temas que relatan as historias de momentos vividos e de sentimentos, resumen así a autobiografía da autora e compositora nos últimos anos.