“Volar”, un documental dirixido por Bertha Gaztelumendi e impulsado por Emakunde, o Instituto Vasco da Muller, recolle as testemuñas e os perfís de nove mulleres que sufriron violencia de xénero ao longo da súa vida. As protagonistas pasan unha fin de semana no campo e dialogan, reflexionan e revelan as súas historias e realidades, unidas por un pasado común.

O filme busca mostrar á sociedade as condicións polas que pasan mulleres coma elas, as fases que deben pasar e superar, a loita contra o medo e a superación das que son quen de sobrevivir. Ademais de servir como recoñecemento ás superviventes e ás mulleres que aínda se enfrontan á violencia, o documental pretende que as declaracións das protagonistas sirvan como motores de cambio e de comprensión.

Despois da proxección da película, as persoas asistentes terán a oportunidade de participar nun debate sobre a realidade social das protagonistas e doutras mulleres que sofren a violencia de xénero, o que hai detrás destas violencias e que consecuencias se derivan desas situacións, tomando como referencia o material audiovisual previamente mostrado.