A Televisión de Galicia (TVG) emite hoxe unha nova entrega de Ribeiras de Salitre na que as mulleres terán un papel protagonista. Á sombra do monte Pindo, no concello coruñés de Carnota, atópase o porto que leva o mesmo nome e que é lugar de marisqueo e pesca artesanal. Os reporteiros deste espazo da canle autonómica dedicado ao mar coñecerán neste enclave a Isabel Lago, bióloga dunha confraría mostras do marisco para elaborar un plan marisqueiro que logre a explotación sostible destes recursos.

A Mari Camen Otero atoparana nas estradas do concello vendendo peixe. Ela é unha muller alegre e moi boa vendedora deste produto que recolle, principalmente, na lonxa de Fisterra. Ademais, o equipo de Ribeiras de Salitre acompañará a Isabel Álvarez ata a cociña, onde prepararán un guiso de lapas. A sección musical do programa porana as pandeireteiras da Solaina, un grupo de mulleres que canta e toca música tradicional con temática mariñeira.

Da cultura do mar conversarán, tamén, con Merche Díaz, secretaria da confraría. Merche é unha muller con moita experiencia no mar e que recorda á perfección os seus anos na baleeira.

E para rematar a entrega de hoxe, os reporteiros do programa da TVG tamén coñecerán á patroa maior e mariscadora da localidade Carmen Formoso, quen lles falará da produción do porto do Pindo, que conta con máis de setenta asociados.