As xentes mariñas de Ares exercen os oficios do mar con verdadeira vocación. É o caso de Lolo Muíños, que seguiu os pasos de seu pai, e traballou con el no porto de Pasaia de Euskadi. Unha vez retirado, Lolo volveu a Ares, a súa adorada terra natal. Juan Carlos Rey tamén sente esa paixón pola súa terra. Amosaralle a X. H. Rivadulla a baía que acolle o porto, mentres lle conta como é a vida e as posibilidades laborais do lugar.

Un dos típicos lugares da vila é a súa praza de abastos, onde o programa se parará con Elena Castro, que conta cun posto exterior. Ía para peiteadora, pero cruzouse no seu camiño o que hoxe é o seu marido, daquela pescador.

Outro dos emblemas de Ares é o barco que adorna a rotonda da entrada da vila, a Begoñita. Pertencía a José Antonio Bonome, que o doou ao concello. Con el estará o espazo mariñeiro da Televisión de Galicia (TVG).

A comida tampouco faltará nesta baía, e Manolo Caínzos, con moitos anos de mar enriba, convidará os reporteiros a marmitaco de albacora. Hai poucos anos que se retirou, pasou a maior parte da súa vida traballando en barcos arrastreiros do porto da Coruña. Con anterioridade traballou no arte do cerco no porto de Ares, e afirma que esta experiencia foi a que máis lle gustou. No cerqueiro Agarimo Dous navega o seu patrón Juan Fuentes, que sabe ben que significa a chamada do mar. Levaba xa anos nel cando, por circunstancias, o deixou para traballar na peixería da súa nai. Non aguantou máis dun ano e tivo que volver a embarcar.