Como cada 23 de abril, celébrase en todo o mundo o día do libro, coincidindo coa data do falecemento de Cervantes e Shakespeare. A Revista da Televisión de Galicia (TVG) celebrará esta data en Ferrol, visitando a súa tradicional Feira do Libro. Dende alí falará con escritores e lectores e amosará en directo as últimas novidades do eido literario.

A segunda das conexións en directo será dende Tui, onde se celebra a Festa do Meixón. Para gozar deste manxar, a vila pontevedresa leva a cabo diversas iniciativas, como unhas rutas gastronómicas en que participan varios restaurantes da vila.

De volta no estudio, hoxe será entrevistada Mercedes González, unha hidrosommelier, que, como indica o seu nome, é unha catadora especializada en recoñecer as mellores augas. Este martes fará unha demostración en directo, ensinando a distinguir diferentes marcas de auga.

A avogada e colaboradora do espazo Ana Camiño explicará as leis que rexen as cámaras de seguridade nas rúas e baixo que criterios se pode acceder as súas gravacións. Para rematar, Carlos Roma afondará en curiosidades do mundo da moda.