Humor en directo no programa de A Revista de hoxe, que se achegará ao Encontro Mundial de Humorismo (EMHU) da Coruña. O equipo do espazo da Televisión de Galicia (TVG) falará co humorista coruñés Luis Piedrahita, director artístico deste festival en que participan, entre outros, José Touriñán, Ana Morgade e David Amor.

Na segunda conexión, o espazo estará en Paradela, onde se celebra a Feira do Ano e a Festa de San Isidro, patrón do mundo agrario e gandeiro.

De volta no estudio de gravación, A Revista conversará con Malores Villanueva, a biógrafa de Antonio Fraguas, ao que este ano se lle dedica o Día das Letras Galegas. No seu libro Antonio Fraguas. Mestre da memoria, a convidada do programa documenta a vida e obra do escritor, incluíndo tamén anécdotas.

Pola súa parte, a psicóloga Libertad Culebras desvelaralles aos espectadores algunhas pautas sobre como dar un reforzo positivo aos máis novos e mellorar así a súa autoestima.

Por outra banda, no estudio do Zigzag estarán hoxe Dea Gómez e Diego Omil, máis coñecidos como Los Bravú. Falarán sobre a súa exposición Fe y afición na Galería Trinta en Santiago, onde a parella de artistas fusiona a pintura clásica europea dos séculos XV e XVI coa ilustración contemporánea.

A audiencia tamén coñecerá as novidades do panorama musical da man de Aitana Cuétara e poderá gozar do concerto de Comando Radar.