Os espectadores da Televisión de Galicia (TVG) asistirán esta noite á estrea de Mimosas, a segunda longametraxe do director coruñés Óliver Laxe, o título que antecedeu a súa multipremiada película O que arde. Con este filme, que narra a viaxe dunha caravana que acompaña un xeque moribundo a través das montañas de Marrocos, Laxe fíxose co Premio da Crítica no Festival de Cannes e recibiu tamén dous galardóns no Festival de Sevilla.

Esta película dramática, descrita polo seu propio director como un "western relixioso", é unha coprodución internacional entre Catar, España, Marrocos e Francia. Nada da unión entre o cinema de aventuras e a exhibición dunha mística terreal, relata a historia de Shakib, un home moderno que viaxa ás montañas do Atlas marroquí e atopa dous bandidos doutra época histórica que levan un xeque ancián camiño da antiga cidade de Sijilmasa co propósito de permitirlle o descanso ao carón dos seus seres queridos.

Por outr banda, a TVG ofrecerá hoxe a segunda entrega de Pazos and Cía, novo programa en que o actor e presentador Sergio Pazos se converte cada semana nun divertido Quixote moderno que viaxa por Galicia adiante botando unha voluntariosa man a quen necesite da súa inestimable axuda. Nesta ocasión, Pazos viaxa ata A Illa de Arousa para que Jorge e Laura poidan devolverlles aos seus veciños todo o amor que sempre lles transmitiron. Como Jorge é profesor de baile, organizarán unha clase da baile na rúa con música en directo.