No derradeiro programa da temporada, o equipo de cociñeiros de Come a comarca visita Santiago de Compostela para coñecer os segredos da súa gastronomía e aprender a facer o seu menú máis tradicional, composto por vieira curada, xarrete guisado e coulant de torta de Santiago.

Alén Tarrío, do Pampín Bar, será o encargado de guiar os concursantes pola gastronomía da comarca de Santiago. Así, os participantes no programa irán ao restaurante Don Quijote, un clásico da cociña tradicional en Santiago, para aprender a cociñar a vieira. No concello de Ames, os concursantes van coñecer o proxecto Fisterra Bovine World, onde hai razas de vaca de todo o mundo. Para coñecer os trucos do cociñado do xarrete guisado visitarán o restaurante Cierto Blanco, en Teo. E, por último, no restaurante Madia Leva da cidades de Compostela aprenderán a facer un coulant da sobremesa máis típica e internacional de Galicia: a torta de Santiago.

Competición no Obradoiro

Unha vez desvelados os segredos das tres receitas, os cinco cociñeiros afeccionados do programa da Televisión de Galicia (TVG) enfrontaranse nun concurso popular, na praza do Obradoiro, aos mellores cociñeiros da comarca facendo eses pratos: Manuel Neiro, do restaurante AC/DC (Santiago de Compostela), María Fernández, do restaurante O Imprevisto (Boqueixón) e Juan Buchet, do Petiscos Gastrobar (Bertamiráns). Coma sempre, un xurado popular será quen puntúe as súas habilidades nos fogóns.