Baixo o título Cancioneiro da Costa da Morte se presenta esta noite o espazo O son da ribeira (TVG, 20.20 horas), dirixido e presentado por X. H. Rivadulla Corcón. A Costa da Morte é unha costa onde a vida é eminentemente mariñeira, e polo tanto tamén cantareira. Onde hai xentes do mar hai cantareas. E nun lugar de personalidade tan singular como esta costa queremos coñecer a través da súa música esta personalidade.

Rivadulla explica que o programa empeza escoitando cantar a un mariñeiro de Camelle moi popular en toda a Costa da Morte, Manuel Tajes, coñecido como O Rubio de Camelle, cun breve cantar que fala do cariño á Costa da Morte por ser a súa "terriña". A forma de entender a vida do Rubio de Camelle é totalmente representativa da Costa da Morte. Mariñeiro, percebeiro e experto mergullador, actividade que o levou a recuperar numerosos corpos de mariñeiros mortos en naufraxios.

Como o espazo non pode estar en todas as vilas desta costa mergúllase na música de Malpica, Laxe e Camariñas. Outra vilas da Costa da Morte estarán presentes, coa súa música, en diferentes programas da serie O son da ribeira.

En Malpica poderase escoitar ao grupo de musica tradicional Malante, que canta unha canción que fala das distintas parroquias de Malpica. É un grupo onde se mesturan xente moi nova e xente moi maior, que aportan o coñecemento de cancións moi antigas.

Fontes deste espazo de Producións Celta para a TVG suliñan que como ademais de escoitar as músicas da Costa da Morte, querían tamén falar coas xentes do mar máis representativas da personalidade dos habitantes desta comarca, falaron co mariñeiro e percebeiro Raúl Villar de Laxe, que díxolles o que significa para el ser da Costa da Morte, e como sempre viviu en Laxe, e o poder vivir toda a súa a vida no lugar onde naceu é algo que lle proporciona traballar no mar, porque se non fose mariñeiro tería que buscar emprego fóra de Laxe.

A Costa da Morte é un lugar onde a vida está moi marcada polas diferentes circunstancias que proporciona o mar. Este é un mar difícil para traballar pero os mariñeiros e mariñeiras das vilas desta costa aprenderon dende tempos inmemoriais a dominar este mar para arrincarlle literalmente a vida que precisan as familias. E hai mariñeiros que dominan tamén a arte da composición musical, como é o caso do mariñeiro José Manuel Toja Piticas de Laxe autor de Laxe mariñeiro. Piticas foi mariñeiro toda a súa vida, xa está xubilado, e durante moitos anos estivo na mariña mercante, e foi mentres navegaba cando aprendeu a tocar a guitarra, de forma totalmente autodidacta. Xa xubilado, en Laxe formou o grupo O Tren da Unha e unha das súas canción que máis lle piden que toque, é Laxe mariñeiro.

Unha canción moi querida por todos os veciños e veciñas de Laxe, e que sen dúbida converteuse nun himno oficioso desta vila.

E esta noite será a emoción da Costa da Morte, das xentes mariñeiras das vilas da Costa da Morte, o fío conductor do programa.