A G2 ofrecerá a semana que vén, coincidindo co centenario da revista Nós, que se conmemora o día 30, unha programación especial nas noites de luns a venres relacionada con esta publicación, que deu lugar á denominada Xeración Nós, un dos proxectos culturais colectivos máis singulares non só da Galicia de preguerra, senón tamén de toda a historia da literatura galega.

O venres, o propio día do centenario, estrearase 100 anos de Nós, unha curtametraxe documental de Arraianos Producións que fai un percorrido contemporáneo por unha publicación que supuxo unha revolución no mundo editorial galego. A revista Nós, de aberto carácter nacionalista e que pretendía normalizar o uso do galego en todos os estratos sociais, saíu á luz o 30 de outubro de 1920 en Ourense, onde se publicou ata o número 15, trasladando despois a súa sede á Coruña e a Santiago.

A continuación, ofrecerase a estrea da película Do caso que lle aconteceu ao doutor Alveiros, adaptación da obra orixinal de Vicente Risco, un conto fantástico arredor dos misterios e do esóterico, con Xabier Álvarez e Xoán Lois Fernández como protagonistas.

Ademais destas estreas, a programación desta semana dedicada á Xeración Nós na segunda canle da Galega inclúe O Retrato, primeiro episodio de Un mundo de historias, unha serie de sete capítulos baseados en contos de distintos autores galegos. Sobre a base do conto de Castelao, O Retrato, que se emitirá o luns, conta o que sucede cando Hadrián, director de cine, retorna a Galicia para o enterro do seu pai en Santiago.

O martes ofrecerase unha entrega especial, realizada especificamente para esta efeméride, do programa Un país en 360, que utiliza a tecnoloxía para achegarlles aos espectadores o patrimonio galego. Nesta ocasión, da man de Estíbaliz Veiga, o espazo da TVG seguirá os pasos dos catro galeguistas relacionados coa Xeración Nós que en 1926 realizaron o camiño de Ourense a Santiago: Vicente Risco, Otero Pedrayo, Antón Sánchez e Pardo Bedia. Camiño de Nós percorrerá os máis de 100 quilómetros desta ruta, amosará vistas espectaculares e visitará os lugares polos que pasaron no seu día estes intelectuais.

Ese mesmo día, a segunda canle da Galega propón unha viaxe polas contornas e rutas literarias que envolven as casas-museo dos grandes escritores galegos. Unha edición especial de Vivir Aquí recollerá os aspectos máis descoñecidos e humanos de Vicente Risco, Otero Pedrayo, Manuel María, Rosalía de Castro e Curros Enríquez.