Consonte á súa función de servizo público, a Crtvg prestaralle hoxe atención ao Día Internacional das Persoas con Discapacidade, que ten como obxectivo promover os seus dereitos e benestar e concienciar sobre a súa situación e que este ano pon o acento en que as súas aspiracións se teñan en conta no mundo post COVID. Espazos da Galega, como Vivir Aquí, A Revista e a emisión do documental Máis ca vida, amais, dos diferentes informativos, recollerán a celebración desta efeméride.

A segunda canle da Galega, a G2, ofrece esta noite o documental inclusivo Máis ca vida (23.30 horas). Dirixido por Rubén Riós, forma parte dun proxecto audiovisual que busca romper barreiras e estereotipos. Cunha duración de case 50 minutos, este traballo xorde da gravación dunha curtametraxe en Ourense, que conta cun grupo de persoas con discapacidade intelectual como protagonistas e coa colaboración dun elenco de actores como Javier Gutiérrez, Cristina Castaño ou Estíbaliz Veiga.