A Televisión de Galicia (TVG) ofrecerá hoxe o especial Dentro do pazo de Meirás, unha noite temática centrada neste monumento, devolto ao patrimonio do Estado por unha sentenza xudicial.

En primeiro lugar, emitirase un especial informativo que afondará na importancia histórica do edificio que mandou construír a escritora Emilia Pardo Bazán no municipio de Sada en 1893 e que despois foi residencia oficial de Franco, momento en que o edificio e as súas leiras pasaron a formar parte do patrimonio da familia do ditador. Despois da sentenza dos tribunais que determinan como ilegais as prácticas que levaron a cabo os Franco para facerse coa propiedade do pazo, o inventario realizado polos técnicos dos departamentos de Patrimonio da Xunta e de Patrimonio Nacional, destaca preto de 700 bens que se atopan no edificio.

A través dos testemuños da escritora e membro da Real Academia Galega (RAG) Marilar Aleixandre; de Carlos Babío, investigador sobre o espolio das Torres de Meirás; do historiador Emilio Grandío ou do catedrático de Dereito Civil José Manuel Busto Lago, analizarase a importancia do edificio, a figura de Emilia Pardo Bazán e o que supón a sentenza que devolve as Torres de Meirás ao patrimonio do Estado.

Acabado de se estrear o ano do centenario da morte da escritora coruñesa, a TVG adentrarase na intimidade do pazo de Meirás para emitir un especial sobre as cartas de amor que deixaron dúas das personaxes máis destacadas da literatura do século XX: Emilia Pardo Bazán e Benito Pérez Galdós. A continuación, a TVG ofrecerá o biopic A condesa rebelde, longametraxe sobre a vida da escritora e xornalista coruñesa.