Yaqui Lista e Tono Pasantes mariscando. | // L. O.

As historias tecidas polo mundo do mar caen de novo nas redes da Televisión de Galicia, que mañá estreará dous novos programas, O clan das mariñeiras, que se emitirá ás 19.15 horas, e Caderno de bitácora xusto despois, ás 19.45 horas, e que serán de emisión semanal. Neles afóndase no papel das mulleres na cultura mariñeira e nos cambios profundos operados nos modos de traballar no mar e levan o selo de Producións Celta, baixo a dirección e escrita de X. H. Rivadulla Corcón.

En primeiro lugar chegará O clan das mariñeiras,un programa no que se fala da importancia da muller na cultura mariñeira, porque o mundo do mar non é (so) un mundo de homes, senón que elas desenvolven un papel primordial: “Para que un barco saia ao mar son necesarios moitos traballos previos, que nun porcentaxe alto desenvolven as mulleres, por exemplo o traballo das redeiras, ou os traballos administrativos”, repasa o ideólogo da proposta, Rivadulla Corcón.

Pero non so iso, cando o barco volve do mar aínda queda moito que facer para que o peixe e o marisco acade a rendibilidade maior posible, e para isto están as peixeiras, tradicionalmente mulleres. Por descontado, que hai oficios que foron exercidos case en exclusiva por mulleres, como o marisqueo a pé. E nos propios barcos, tanto de baixura como de altura, tamén se atopan mulleres embarcadas. Esta realidade é aínda descoñecida, e o traballo que elas realizan sufre un certo silencio, que este programa vén a visibilizar. Cada capítulo estará dedicado a contar a historia laboral e familiar dunha muller do mar que traballa nun porto galego.

No primeiro capítulo de O Clan das mariñeiras aparecerá Yaqui Lista,unha muller do mar de Camariñas que se dedica ao marisqueo, pero non vén de familia mariscadora, senón de pescadores. Os seus inicios como mariscadora non foron fáciles, tiña que adaptarse a unha forma nova de traballar o mar e chegou a pensar que non sería quen de facelo, pero traballou duro: ser mariscadora era o que quería e non ía a renunciar. Con Yaqui Lista traballa o seu home Tono Pasantes e, xuntos, van ao marisqueo e teñen un barco de nove metros onde traballan a pesca de baixura, fundamentalmente coa nasa do polbo. O achegamento á súa vida permite “coñecer como ela loita por lograr o recoñecemento ao seu traballo, como supera a invisibilidade para ela e o resto de mulleres que son en si mesmas o mar”, aseguran desde a produtora.

A continuación, emitirase cada sábado ás 19.45 horas, Caderno de bitácora, baseado en que o mundo do mar experimentou en poucos anos uns cambios moi profundos nas formas de traballo, o que fai que a vida das xentes do mar —no material— pouco teña que ver a día de hoxe coa da metade do século pasado. Sabedores de que todos o avances débense fundamentalmente aos esforzos das xeracións inmediatamente anteriores, nas xentes mariñeiras tense un enorme respecto por elas, porque teñen na súa memoria un tesouro de incalculable valor: o coñecemento que posúen do pasado e como se foi construíndo nel a vida actual. En xeral, en cada capítulo, farase unha homenaxe a unha persoa que traballou toda a súa vida en traballos relacionados co mar e dámoslle unha sorpresa xuntando aos seus amigos, compañeiros de traballo e familiares.

No primeiro capítulo sairá Socorro Cacabelos Meis, unha muller que soubo ver que os colares do Grove podían ser pezas de alta xoiería, e fixo evolucionar esta arte ancestral das mulleres mariñas. Ademais, X.H. Rivadulla Corcón falará coa súa filla, herdeira da súa habilidade coa maxia das cunchas, Montse Betanzos e con Pepita Prol, colareira da vella escola, que coñece todos os segredos do oficio, e viviu épocas moi distintas,