O programa da TVG Caderno de Bitácora, que dirixe e presenta X.H. Rivadulla Corcón, mergúllase hoxe (TVG, 19.30 horas) con Manuel Cadilla Maruxo no seu universo da Guarda. O espacio pasará unha xornada cun home especial, que na Guarda coñecen como Maruxo. Mariñeiro na baixura, no mar difícil da Guarda, e na altura en mares como o de Marrocos ou Namibia.

E para coñecelo, o director do programa o fará co seu cuñado e amigo Desiderio Rodríguez Cuqui e o, tamén amigo, José María Lomba Chiño, todos homes de mar. A Guarda é un enclave que aporta mariñeiros de moita sensibilidade, e en Caderno de Bitácora o descubrán con Maruxo recitando a Rosalía de Castro e un poema da súa autoría. Pola súa sabedoría mariñeira, a súa sensibilidade poética, e o seu carácter entrañable, Maruxo mereceu o recoñecemento e homenaxe do programa.

Todo en Maruxo foi mar, porque o mar o condicionou todo. Xa con dezaseis anos a vida empuxouno ao mar, e o espazo onde naceu, A Guarda. Neste mar bravo, con 16 anos descubriu que significa en verdade o mar bravo, cando empezou a traballar a arte do trasmallo. Logo cruzou a liña do horizonte para ir á pesca da lagosta a Marrocos, pesca que dou fama aos mariñeiros deste porto. Como tamén a pesca dos grandes peixes, o espada, o marraxo e os atúns. Di Maruxo que ir ao peixe espada foi a pesca máis dura. E din que se o mar non existira non existiría a poesía, e iso explica que mariñeiros escriban poesía. Maruxo é poeta, ten obra que fala da súa terra e o seu mar, e ten un referente na obra de Rosalía de Castro, a quen Maruxo, o mariñeiro da Guarda, recita coa súa memoria prodixiosa.