A G2 achega hoxe unha nova estrea documental con selo galego. Nesta ocasión, ofrecerá a serie Contaminación mariña. O mar de Galicia ante o cambio climático, realizada por Valentín Carrera, e con dous capítulos: Planeta Océano estresado e Coidar a despensa. A primeira entrega, que leva por título, Planeta Océano estresado, conta como os océanos son os verdadeiros pulmóns do planeta, a placenta que habitan millóns de seres vivos, desde bacterias ata ás baleas, e como este mar está agora estresado. A través de imaxes submarinas, combinadas cos fenómenos climáticos extremos en terra, coñecerase que está pasando no mar, na pesca ou na acuicultura debido ao quecemento e o cambio climático.

Coidar a despensa, o segundo episodio, mergúllase nas profundidades dun mar cheo de plásticos, microplásticos e nanoplásticos, e pregúntase que poden facer os cidadáns para cambiar a saúde do mar e do planeta. As prodixiosas imaxes submarinas de Jorde Candán (bicampeón Mundial de Vídeo Submarino) adentran os espectadores no abismo dun mar invadido polo plástico e o lixo: redes pantasma, verteduras de petróleo, lixivias e deterxentes das lavadoras, augas fecais sen depurar e todo canto converte o mar na nosa propia cloaca. O documental aborda a destrución e morte de corais polos efectos do cambio climático, e o impacto da acidificación, a extracción, a escorrentía agrícola, a contaminación e a sobrepesca. Un millón de aves e cen mil mamíferos mariños morren cada ano pola polución plástica, e o problema agrávase cos pesticidas e herbicidas usados en agricultura, que producen altas concentracións de fósforo e nitróxeno e alteran as poboacións de algas, e crean áreas inhabitables para os peixes: zonas mortas, moitas delas irreversibles.