O Son da Ribeira chega hoxe á cidade coruñesa, co capítulo Vivir na Coruña (Televisión de Galicia, TVG, 10.00 horas). A produción, dirixida e presentada por X.L. Rivadulla Corcón, pretende poñer en coñecemento da audiencia o tesouro musical da cultura mariñeira e reivindicalo.

O programa arrancará na dársena coruñesa, onde o equipo xa se atopará con algúns barcos pesqueiros que dan noticia do carácter mariñeiro desta cidade, e onde tamén coñecerán as famosas e fermosas galerías da cidade. A continuación, acudirán á taberna A Chencha, propiedade do percebeiro Xulio Montero, quen presume de orgullo coruñés. Con el falarán, no capítulo, de diferentes símbolos do coruñesismo.

Unha cidade que vive na rúa

As xentes da Coruña son moi de vivir na rúa e nos espazos comúns da cidade, son moito de falar e compartir a vida, e un lugar idóneo para isto son os mercados, as prazas de abastos. E na Coruña hai moi fermosas prazas, que están inseridas totalmente na vida da cidade. Unha destas prazas é a de Lugo, que ten a súa parte baixa dedicada, integramente, á venda dos produtos do mar. Nesta praza falarán con Ana Pato, que pertence a xeración máis nova de peixeiras coruñesas. Ela expresa con toda claridade o seu orgullo coruñés, e di que nunca podería vivir noutra cidade que fora a Coruña, e o que máis botaría de menos sería o mar que a baña.

Un lugar son as súas xentes. Mery é peixeira dende sempre, a súa nai xa o foi e ela aprendeu o oficio case como foi espertando á vida. Ela falará ao equipo do programa O Son da Ribeira da Coruña que ama e coñece dende nena. E o que máis aprecia é que é unha cidade moi familiar, en que os amigos son realmente como familiares.