O ciclo de concertos Galicia Emerxe continúa este mércores na segunda canle da Televisión de Galicia (TVG-2) coa actuación, a partir das 23.20 horas, de Susana Seivane, unha das gaiteiras galegas con maior recoñecemento internacional. Seivane, músico cuxas fontes sempre foron tradicionais, comezou a gravar discos no ano 1999 revestindo esas melodías de sons máis contemporáneos e modernos.

Nesta ocasión, a artista proporá unha pequena viaxe polos cinco discos que tiña editados antes da pandemia, centrándose algo máis no último que trata sobre os seus sentimentos arredor da maternidade. Na ducia de cancións que forman FA (iniciais de Fiz e Antón), Seivane explora novos ritmos imprimindo modernidade na tradición e converténdose nunha das gaitas máis virtuosas de todos os tempos.

Cunha duración de 40 minutos, este concerto estará dispoñible na web dos medios públicos galegos unha vez finalizada a súa emisión pola segunda canle da televisión autonómica galega, e o sábado poderase ver na TVG (10.40 horas), amais de escoitarse tamén en Radio Galega Música (22.00 horas). Ademais, os espectadores poderán ver todos os concertos xa emitidos na páxina da Crtvg.

Ciclo de concertos

A Crtvg asinou un convenio coa Axencia Galega de Industrias Culturais (Agadic) para difundir o ciclo Galicia Emerxe, conformado por un total de 50 concertos de destacados artistas e grupos galegos, no exercicio do seu papel como servizo público e co afán de apoiar o sector musical e de contribuír a visibilizar o seu traballo.