A Televisión de Galicia (TVG) abre este mes de agosto coa estrea do programa 100 anos de verbena galega, unha proposta musical ideal para gozar dos próximos venres do verán. Conducido pola presentadora Sara Rodríguez e na compaña da orquestra La Ocaband, o programa fará un percorrido pola historia das verbenas, facendo unha parada para coñecer os principais artistas e temas musicais que as distintas orquestras levaron por Galicia durante estes cen anos.

Nesta primeira entrega, 100 anos de verbena galega porá o foco nas primeiras décadas destas formacións musicais, nunha viaxe ata os anos 70. Desde a orquestra Compostela, nada en 1919, ata Los Tamara, nada en 1958, pasando por formacións como Los Satélites, a orquestra Mallo, a Trébol ou os Players de Ferrol. A canle pública achegaralle aos espectadores temas tan memorables como New York, New York ou Campanera e lembrará cancións de verán como Estando contigo ou La chica yeyé, e os éxitos de Eurovisión La, la, la e Estando contigo.

Coa participación de artistas como Tito Calviño, Sito Sedes ou Juan José Mariño, saídos destas primeiras orquestras, 100 anos da verbena galega recollerá esta noite entrevistas, historia e música nun programa co espectáculo como protagonista.

‘A Revista’

Por outra banda, e con motivo da novena edición do programa Cultura no Camiño, o magazine A Revista recibirá no estudio ao director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil. O ciclo, que se desenvolverá ata o vindeiro 30 de setembro, ofrecerá máis de 600 funcións ao aire libre centradas no ámbito das artes escénicas e musicais.