O son da ribeira trasládase hoxe ata a ría de Arousa nunha nova viaxe polas cancións representativas dos diferentes portos galegos. Nesta ocasión, a emisión investigará as orixes e dará a coñecer a Foliada de Vilaxoán nun capítulo elaborado por Producións Celta e que emite hoxe a TVG a partir das dez da mañá.

Dirixido e presentado por X.H. Rivadulla Corcón, o programa explica como a ría conserva aínda en activo dornas faenando no mar. Esta é unha das súas embarcacións emblemáticas pero tamén foron de relevancia central para a economía e a cultura da zona as xeiteiras, ou lanchas do xeito, que veñen polo mar “pescando sardiñas ao eito”.

Así, os espectadores poderán escoitar no porto de Vilaxoán esta foliada que fala das dornas e as xeiteiras, una canción que ten na súa esencia e alma na ría de Arousa e en especial do devandito porto, pois o propio título xa nomea ao seu berce de orixe. Tamén como é habitual, ao longo do programa varios grupos interpretarán o tema protagonista. Os primeiros serán Atlántica Vapor Orquestra de Vilaxoán, que ofrecerá unha versión moi actual. Ademais, Rivadulla Corcón falará con Luís Cardalda, un dos integrantes da Coral Polifónica de Vilaxoán. Luís traballa como peixeiro e explicará como naceu a canción, a historia da coral e o seu oficio de peixeiro.

Asimesmo, e como en todos os portos, o colectivo de mulleres do mar son vitais en Vilaxoán. Son un importante sustento económico e tamén unha manifestación cultural. Elas traballan tamén na ría indo á ameixa. Así, o programa achegarase á zona marisqueira para falar coas mariscadoras Lourdes Corvo e Mari Carmen Paulas, todo mentres traballan.