A Televisión de Galicia (TVG) estrea hoxe, na súa renovada franxa matinal, o programa As nosas rúas, que de luns a venres narrará a historia das persoas que deixaron a súa pegada nas rúas de Galicia.

Na primeira entrega, achegarase a tres figuras importantes das rúas da cidade da Coruña. A primeira é Emilia Pardo Bazán, insigne personaxe que deixou unha fonda pegada na historia de España e que foi a responsable de asinar o decreto que establecía o acceso igualitario da muller aos estudos universitarios.

O segundo personaxe é Alexander von Humboldt, un dos científicos máis importantes da historia e que tivo unha relación especial coa cidade coruñesa, e o terceiro e último será Alfredo Vicenti, un xornalista decimonónico que chegou a dirixir El Liberal, un dos xornais máis importantes da súa época.

Xa pola noite, chegará á TVG a temporada máis espectacular de Desmontando Galicia, que se atreverá a amosar a nosa terra como nunca antes de vira. Nesta nova andaina, non vai quedar monumento, infraestrutura nin paisaxe sen desmontar, xa que o programa vaille dar a volta a todo, armar e desarmar canto se lle poña por diante.

Presentado por Isabel Blanco e Diana Nogueira, e coa inconfundible voz de Quique Morales no papel do Sabichón, o seu formato permite facer un percorrido histórico e cultural polo patrimonio galego, pero non dun xeito calquera, senón mergullándose nel grazas á tecnoloxía 3D. A través das reconstrucións e integracións dixitais, Desmontando Galicia bota unha ollada ao pasado, desde o presente e coa axuda de expertos, para poder coñecer a nosa historia.