O programa Land Rober Tunai Show comeza temporada desde o máis alto recibindo as protagonistas galegas das olimpíadas de Tokyo 2020: Ana Peleteiro, Teresa Portela, Adi Iglesias e Susana Rodríguez. Os espectadores coñecerán a fondo as medallistas olímpicas, que serán postas a proba polo público. Serán as encargadas de abrir temporada cun evento especial relatado polo xornalista Terio Carrera.

Tocará despedir o verán e saber que pasa cos bañistas que se resisten a abandonar as praias. Nisto terá moito que ver o actor Miguel Canalejo. Pegados á actualidade, a suba da luz tamén terá protagonismo e quen mellor para dar conta dela que o público do Land Rober Tunai Show.

O toque musical virá da man da Mekanika Rolling Band, mentres que e os actores Eva Iglesias e Víctor Fábregas pintarán esta noite a mona xunto a Roberto Vilar.

Por outra banda, tamén na TVG, A Revista conversará hoxe sobre o decreto de avaliación e promoción que implica a eliminación dos exames de recuperación na Educación Secundaria Obrigatoria (ESO) a partir deste curso, aínda en fase de borrador. Para tratar esta cuestión chegarase ao estudio a presidenta da federación provincial de ANPA de centros públicos de Galicia, Lola Blanco; e participará tamén na conversa vía telemática a directora do IES Eusebio da Guarda, Isabel Ruso.

Outros dos invitados do programa de hoxe serán o presidente da Asociación Galega de Inmobiliarias (Agalín), Carlos Debasa, para achegar unha visión profesional do sector; e o inspector e delegado de participación cidadá, Alberto Arias.