“As rapaciñas da Guarda ben se poden alabare, son bonitas e ben feitas e salgadas como o mar”, di a letra da canción O Ghaiteiro, eixo do programa O son da ribeira que hoxe ás 10.00 horas emite a TVG. A produción conducida por X.H. Rivadulla Corcón lévanos ata a vila de A Guarda (Pontevedra) para coñecer como son na actualidade as mulleres do mar guardés: valentes percebeiras e sabias redeiras.

A canción leva ao conductor desta serie documental ata a nave de redeiras, para escoitar o vello tema mentres traballan. Carmen Barbosa trata de ensinar cómo se ata unha rede, e mentres falan do moito que cantan as redeiras no seu traballo, conta que formaron un grupo de pandereteiras que chaman Coiro Vello. Logo cantarán na taberna O Porto Guardés.

Nas rochas da costa guardesa, Rivadulla Corcón fala con tres percebeiras: Begoña Pérez, con moitos anos de experiencia, con Eli Campos, que empeza no oficio, e con Silvia Crespo, que é a patroa maior. Falan do seu oficio de percebeiras, e comentan a letra de O Ghaiteiro, porque nela se fala, con moito humor, de como son as rapazas da Guarda, e as percebeiras dan a súa opinión sobre se a canción di a verdade ou non. Tamén escoitaráse a versión máis popular do tema, a que interpreta o grupo A Roda.

No local de ensaio do grupo Carainas, o programa atopa un verdadeiro tesouro: o grupo está composto por nenas moi pequenas, de entre 3 e 10 anos. Elas, as auténticas rapaciñas da Guarda seguen a tradición das súas familias, e farán que nobres oficios da cultura mariñeira sigan vivos aportando á sociedade. Tanto Carainas como Coiro Vello interpretarán a súa versión do tema.