O son da ribeira viaxará hoxe ata o porto de Sada para investigar a orixe do Alalá das Mariñas. O programa, que emite a TVG ás 10.00 horas, abordará así o considerado como un dos temas máis populares de toda a música tradicional de Galicia. Realizado por Producións Celta baixo a dirección e presentación de X.H. Rivadulla Corcón, a canción fala da felicidade de vivir xunto ao mar, pero tamén da tristura de ter que abandonar esta felicidade.

A persoa que recolleu nas primeiras décadas do século pasado esta cantiga foi Faustino Santalices, figura central na cultura galega. Neste momento, os espectadores poderán escoitar ao propio Santalices interpretando o alalá. Tamén é un tema emblemático de Uxía, coa que Rivadulla Corcón falará sobre os sentimentos que produce nela a interpretación do Alalá das Mariñas. Milladoiro segue tamén a estela deixada por Faustino Santalice e converte ao tema nunha homenaxe moi sentimental e chea de emoción á súa figura. O programa aproveitará para conversar cun dos fundadores do grupo, Xosé Ferreirós, que transmite toda a emoción dos membros do grupo cando a interpretan. Abordará tamén que esta cantiga de autor descoñecido ten unha enorme sensibilidade na súa música e na letra. Neste momento, os televidentes poderán ver a actuación de Milladoiro interpretando o Alalá das Mariñas.

Como é habitual, O son da ribeira non pode visitar un lugar sen falar coas xentes do mar. Así, irán á peixería de Tania Rodríguez e tamén se achegarán á peixeira Montse Muñoz. Con ámbalas dúas falarán de peixes, lembranzas e lugares. Neste punto do capítulo, o grupo de jazz Abe Rábade Trío intepreta unha versión moi orixinal do Alalá das Mariñas.