O programa Desmontando Galicia da Televisión de Galicia (TVG) céntrase esta semana no papel dos pazos na sociedade galega e a súa relevancia, fundamentalmente entre os séculos XVII e XIX. O espazo da TVG percorrerá algunhas das edificacións máis emblemáticas da nosa paisaxe e do noso patrimonio, cun carácter señorial inconfundible. Campesiños, funcionarios e fidalgos pasaron por eles e encheron as súas estancias e xardíns de historias que hoxe desvelarán Isabel Blanco, Diana Nogueira e, como non, o Sabichón Quique Morales.

Deste xeito, o espazo da TVG analizará a historia do pazo de Meirás, en Sada, as súas orixes, os seus diferentes propietarios ao longo do tempo, así como as modificacións que realizaron nel. E o máis curioso de todo, os espectadores descubrirán que non é un pazo como tal.

Ademais, Desmontando Galicia investigará na localidade pontevedresa de Cambados os segredos que agocha o pazo de Fefiñáns, un pazo urbano impoñente e cheo de historia.

O programa da canle autonómica tamén viaxará hoxe moi preto de Santiago para visitar o pazo do Faramello, unha construción nada ao carón da primeira fábrica de papel de Galicia, o que poderiamos chamar un pazo industrial e cunha relación moi especial co Camiño de Santiago.

O percorrido da TVG por algúns dos pazos máis emblemáticos de Galicia rematará no pazo Baión, un espazo que mudou de granxa rural a industria moderna converténdose nun referente vitivinícola da nosa terra.