A TVG emite hoxe, ás 10.50 horas, o capítulo Cancioneiro das traballadoras das conservas de O son da ribeira. Nesta ocasión, o programa visita localidades como Bueu, Canido, O Vicedo ou Vilaxoán para coñecer o cantar das mulleres empleadas nas fábricas de conservas, uns temas nos que reflexaban a súa vida alí. Realizado por Producións Celta e baixo a dirección de X.H. Rivadulla Corcón, o equipo do espazo tamén fala con varias das mulleres que pasaron a súa vida laboral neste tipo de empresas.

O seu cantar soou por todas as ribeiras e segue vivo porque hai grupos que as cantan e tamén porque a moitas das mulleres que as cantaban nas fábricas gústalles lembralas. O Coro Boghino de Caión, dirixido por Xurxo Souto e que é o primeiro en intervir no programa, naceu precisamente coa única intención de recuperar o cancioneiro das traballadoras das conserveiras.

O primeiro testemuño será o de Lidia García, que traballou nunha fábrica de Canido (Vigo), na década dos anos 60. O seu relato está cargado de ironía e amosa como as traballadoras convertían unha dura xornada laboral en algo próximo a diversión grazas ao seu enxeño. Rivadulla Corcón tamén fala con Fita Malvido, que estivo na fábrica Massó de Bueu, unha das empresas que empregou a máis mulleres en toda Galicia. Neste punto intervén a Coral Polifónica de Bueu. O programa trasládase á sala adicada á conserva do Museo Massó de Bueu. Emprazada onde estivo a propia fábrica, garda a memoria material daquela época, pero tamén unha memoria sentimental. Nese lugar, Mucha Leal conta os seus recordos tras ver uns obxectos que lle son familiares.

Outra das participantes será Susana Riveira, que traballou nunha fábrica no Vicedo e que explica o aspecto social das fábricas de conserva e o que significou este traballo para as mulleres.