Caderno de bitácora regresa hoxe á grella da TVG (10.55 horas) co capítulo Socorro Cacabelos, Meis, un universo emocional nas pequenas cunchas. Dirixido e presentado por X. H. Rivadulla Corcón, é un traballo de Producións Celta para a canle autonómica que, nesta ocasión, vai ata O Grove para coñecer o traballo de artesanía realizado con cunchas.

Para dar a conocer esta labor, o programa fala con Socorro Cacabelos, Meis, que soubo ver que os colares do Grove podían ser pezas de alta xoiería, e fixo evolucionar esta arte ancestral das mulleres mariñas da zona. Ela é unha das mestras nesta labor, que ensinou á súa filla, herdeira da súa habilidade e intelixencia coa maxia das cunchas: Montse Betanzos. Rivadulla Corcón tamén falará con Pepita Prol, colareira da vella escola, que coñece todos os segredos do oficio, e viviu épocas moi distintas para esta arte. E coas dúas, xunto aos amigos e resto da familia, o programa organiza unha homenaxe a Meis. Cadeno de bitácora amosará como Pepita Prol e Meis son amigas dende sempre, e compartiron moitos soños e ilusión. Traballaron xuntas no marisqueo e xuntas lograron dotar de dignidade aos colares do Grove, elevar a súa condición a xoias mariñas, pezas salgadas de alta xoiería. Pola súa banda, Montse Betanzos estivo entre cunchas dende nena, coa súa avoa e a súa nai. A pesares de que inicialmente buscou outra saída laboral, Montse volveu a súa orixe e a forza desa orixe, que representa a súa nai, propiciou un renacer nesta arte cos seus deseños.

Por outra banda, a TVG emite mañá, ás 11.50 horas, o capítulo 19 de O clan das mariñeiras que, baixo o título O soño de Rosa Soneira, peixeira de ventos optimistas, achégase ata Muxía para coñecer a esta muller, peixeira ambulante.