As feiras e mercados foron desde tempos medievais un dos sinais de identidade da forma de ser do noso pobo e teñen tamén unha importancia transcendente para as economías locais. E as peixeiras tamén forman parte desta actividade. Como comprobarán hoxe os espectadores de O clan das mariñeiras, un bo mercado precisa de bo peixe e, por suposto, de mellores peixeiras. Unhas das mulleres do peixe de Muxía é Rosa Soneira, peixeira ambulante, que acode semanalmente ao mercado cun peixe que vén directamente do mar ás súas mans.

Rosa vende o peixe do seu home Josecho Martínez, mariñeiro que veu de Fisterra para Muxía cando casou con ela. Este sistema garante a calidade do peixe, a súa frescura, pero tamén ten o inconveniente de que os días en que Josecho non pesca Rosa non ten que vender. Pero con isto consegue fidelizar a clientela, que sabe que este peixe só leva escasas horas fóra do mar. O mariñeiro loita contra as oas para traer o peixe a terra, pero a peixeira é quen consegue que o peixe acade un valor xusto co seu traballo. O seu oficio baséase nunha tradición ancestral, pero sabe adaptarse ás novas formas de relación entre as persoas.

Rosa é de familia mariñeira, muller do mar, cousa que non pode ser doutro xeito en Muxía. Pero desde que vende o peixe que pesca Josecho a súa vinculación co mar fíxose máis intensa. Aprendeu o oficio de peixeira con moito entusiasmo e hoxe exérceo con sabedoría e elegancia. É unha mestra do optimismo e do sorriso e o espazo da TVG quere amosarlle a súa admiración polo seu labor como muller do mar.