Por unha vez, e sen que sirva de precedente, Xosé Ramón Gayoso e Roberto Vilar cambian de día e o Luar aterra na noite dos xoves para cederlle a do venres, a de Noiteboa, á tropa do Land Rober Tunai Show. Unha das convidadas da noite será a cantante e compositora grovense Carolina Rubirosa, que saltou á fama co seu grupo The Funkles e que agora, en plena carreira en solitario, lanza o seu novo álbum, Tierra de nadie, onde espremeu ao máximo a súa creatividade e liberdade como artista. No escenario do Luar interpretará Máxico Nadal. Os espectadores tamén poderán gozar cos sons tradicionais da Agrupación Folclórica Tequexetéldere, da localidade pontevedresa da Estrada, e cos ritmos do Grupo Nueva Fuerza.

O máis destacado, sen dúbida, enriba do escenario nesta noite tan especial serán as actuacións de caras moi coñecidas da TVG, que coas súas cancións e con moito humor lles transmitirán os seus mellores desexos para estas festas ao público do estudio e á audiencia nas súas casas. Terio Carrera e Rodrigo Vázquez interpretarán Toca o pandeiro Manuel; María Mera e Lucía Rodríguez cantarán Volver á casa por Nadal; Arturo Fernández, Pepe Capelán, Brais Doval e Noelia Rey farán o propio con Todo o que quero polo Nadal es ti; Xosé Manuel Piñeiro e Adrián Díaz atreveranse con O tamborileiro; Octavio Villazala e Kiko Novoa cantarán Feliz Nadal; Trisha Fernández subirá soa ao escenario para interpretar Un branco Nadal e Laura Añón, Christian Escuredo e Manuel DeAndrade interpretarán O neno.

Neste especial de Nadal do programa Luar non faltará unha nova entrega do concurso Recantos, nesta ocasión, coas actuacións de Ruben Darío, representante da comarca Ourense central, e Dan Ale, procedente da Mariña.