Ponte...nas ondas! estrea este domingo 26 de decembro ás 20.00 horas na TVG a serie documental Meniños Cantores 2. A serie documental, incluída no libro-USB, componse de 4 capítulos de 50 minutos cada un que ofrecen un percorrido pola fronteira galego-portuguesa, “zigzagueando” dende Verín e Chaves ata o Atlántico chegando a Viana do Castelo. No documental, ademais de descubrir as cancións interpretadas polos nenos de 17 centros educativos e os seus padriños e madriñas, a través dos alumnos e profesores dáse a coñecer o proceso de escolla do tema musical, a súa preparación e interpretación na gravación. Tamén están presentes as persoas portadoras dos saberes tradicionais que nun claro exemplo de transmisión oral comparten os seus coñecementos cos rapaces, axudando a difundir o patrimonio inmaterial.

Cada centro educativo está apadriñado por un artista de Galicia e Portugal, que colaboraron na preparación e gravación dos temas musicais. Ademais, todos os padriños e madriñas gravaron o tema común Máis perto.

O documental arranca cunha conversa en Lisboa de dous artistas que apadriñan o proxecto, Uxía e António Zambujo quen cun exemplar do primeiro Meniños Cantores preguntan se agora poderán cantar nesta nova edición, de aí que o proxecto levase como nome xenérico Agora cantamos nós, e que ten o seu sentido na interpretación por parte dos 16 artistas do Máis perto.