Para Miriam Paz o traballo de percebeira é algo natural porque ela veu sempre a súa nai nas rochas e dende nena a acompañou á ribeira. Así foi nacendo nela a necesidade do oficio, aínda que a súa proxenitora non quixera que a súa vida estivese sempre pendente dun golpe de mar. O oficio lévase no sangue, ou como a propia Miriam di, na alma. Esta é a historia dunha muller de Aguiño que compaxina o seu traballo no mar co coidado dos seus dos fillos de 5 anos e 6 meses. O programa O Clan das Mariñeiras amosaráa hoxe a partires das 12.00 na TVG.

O espazo, realizado por Producións Celta por encargo da canle autonómica para visibilizar o traballo das mulleres do sector do mar, seguirá a esta percebeira desde que empeza a zornada cando o sol esperta. O director e presentador, X.H. Rivadulla Corcón, falará con ela do futuro, sen esquecer algúns momentos do pasado que reforzaron a súa condición de muller perceberia, como o accidente nas rochas no que lesionou un ombreiro e tivo que ficar un ano sen traballar.

Os espectadores coñecerán a lonxa de Aguiño por dentro e alí verán unha das imaxes fermosas da cultura mariñeira de Galicia. Percebeiros e percebeiras escollendo e clasificando o percebe para a poxa. E alí está Miriam como a luz dun facho, un antigo faro, para visualizar o esforzo do seu traballo e o seu dereito a exercelo. E Concha, a nai, ven á lonxa a ver o percebe que apañou a súa filla, e ver como segue o seu camiño e como o comparte co seu marido, Alejandro.

Son un matrimonio de percebeiros. El fíxose percebeiro por ela. Se non, non sería percebeiro, pero agora xa non quere facer outra cousa.