Loreto Tojo non pensara nunca en adicarse á venda directa de peixe a pesares de criarse nunha familia de traballadoras da conserva. Inicialmente seguira outro camiño na vida, pero casou co fillo dunha peixeira e entón obrou o milagre. Ela é a protagonista do capítulo 23 do programa O Clan das Mariñeiras, que a TVG emite mañá domingo ás 12.00.

O espazo, dirixido por X. H. Rivadulla Corcón e realizado por Producións Celta para a cadea autonómica, viaxa a Ribadeo para contar O Soño de Loreto Tojo, peixeira navegando entre a tradición e o futuro. O título do episodio dá pistas sobre a realidade desta peixeira, que compaxina a súa actividade profesional co coidado de dous pequenos que leva a escola sobre rodas: eles van en bicicleta e ela en patinete.

A faceta profesional desta muller comeza cada día nada máis deixalos no colexio para dirixirse ao seu posto na praza ribadense, onde a espera o seu home, José Balsa, que xa foi buscar a mercancía á lonxa de Burela. Xuntos rexentan o negocio que herdaron da nai del, Dina, unha figura determinante para Loreto. Non só lle transmitiu o oficio, senón que é un gran apoio en xeral, case coma a nai que perdeu con só 9 anos, ademais de axudar cos pequenos. O oficio de peixeira ocupa moitas horas e para a supervivencia do traballo é importante o reparto a domicilio, un servizo cada vez máis demandado. Ata moitas vilas da contorna, mesmo por Asturias, se despraza para levárllelos pedidos aos seus clientes.

Este é o clan de Loreto, un clan peixeiro e familiar. Dúas realidades moi importantes na vida de Loreto e de todos os que o compoñen. O peixe é a vida desta familia desde moitos anos atrás, e seguirá séndoo, pero o sentido da unidade é a verdadeira materia que os une.

Antes de coñecer a Loreto e á súa familia, os espectadores da Galega terán a oportunidade de achegarse tamén ao oficio das mariscadoras da man de Lolita García.