Caderno de bitácora chega hoxe, ás 10.30 horas, á grella da TVG co capítulo Francisco Vidal, “Pacucho”. A vida no bandear dos barcos, no que o programa se achega ata Portosín para coñecer a vida deste mariñeiro e a dos seus compañeiros. Realizado por Producións Celta para a canle autonómica, está dirixido, escrito e presentado por X.H. Rivadulla Corcón.

Así, a emisión dará a coñecer a aventura mariñeira e vital dun home que empezou traballando, moi neno, nunha lancha xeiteira co seu pai, coñecida popularmente como A Violetera, e chegou a ser un dos patróns mais destacados de Galicia e de todo o Cantábrico. Traballaron con el Jorge Rodríguez e Gonzalo Pérez, Talo, que tamén foron patróns do cerco, e que van facer de padriños para armar a homenaxe en forma de sorpresa a Pacucho. Tamén contarán moitas historias da súa relación.

Aos nove anos comezou a ser parte da historia do mar de Galicia, e en concreto da Ría de Muros e Noia. Na súa folla de traballo constan máis de cincuenta anos de patrón, e foi pioneiro nesta ría á hora de aventurase á pesca no mar Cantábrico, en Cantabria e Euskadi, no 1994. Dedicou a maior parte da súa vida á arte do cerco, aínda que tamén traballou outras artes e foi á pesca de altura. Ao longo da súa vida tivo seis barcos: o primeiro foi o María Yolanda, pero o máis determinante foi o Vamos Indo VI. Tamén foi patrón maior de Portosín entre os anos 78 e 79 e 84 e 87.

‘O clan das mariñeiras’

Por outra banda, a TVG emite mañá domingo, ás 12.00 horas, o episodio O soño de Lorena Lamelas. Mariscando o milagre do Barqueiro do programa O clan das mariñeiras. Tamén de Producións Celta e con Rivadulla Corcón á fronte, o capítulo aborda a vida desta mariscadora que vende, esencialmente, ostra.

Deste xeito, o programa porá de relevo a Lorena Lamelas e o grupo de mariscadoras do Barqueiro como exemplo na cultura mariñeira tras ser quen de converter un problema (a aparición da ostra rizada) nun beneficio. O traballo das mariscadoras non é fácil, é duro, pero Lorena e as súas compañeiras tiran para adiante con determinación. Ademais, o capítulo mostra que Lorena é unha muller sentimental cun sentido profundo do familiar, muller valente e decidida. Por iso, e para render homenaxe á determinación das mulleres do mar como Lorena Lamelas, e coa complicidade da súa familia, o programa nomeouna Mariscadora mestra do milagre da ostra.