A Televisión de Galicia (TVG) emite mañá (11.50 horas) un novo capítulo de Náufragos no que aborda o afundimiento do Silvosa, que tivo lugar na madrugada do 20 de decembro de 2018. Os mariñeiros José Manuel Pardo, Miguel Ángel Taibo, José Manuel Ruibal e o patrón, José Ángel Sanjurjo, iniciaban a xornada de traballo cando unha corrente nas comportas da dársena levou o barco a bater contra o peirao. Os tres tripulantes puideron saltar pero ao patrón non lle deu tempo.

Así o aborda esta emisión encargada pola canle autonómica a Producións Celta e dirixida e presentada por X.H. Rivadulla Corcón, quen fala con familiares e amigos. A súa nai, Ángeles Láuzara fala do duro que é perder a un fillo e as rutinas que seguía cada vez que saía ao mar. Tamén conta as súas sensacións a tía de José Ángel, Emilia Lauzar, que lembra como se enterou da nova. Rivadulla Corcón tamén fala con Pedro Pérez, patrón maior de Malpica, quen lembra a súa sensación cando soubo que o accidente ocurrira nas portas da dársena. Asimesmo aparece no programa José Antonio García, o rescatador do corpo do náufrago.

Por outra banda, a TVG emite hoxe ((10.30 horas) o capítulo Manolo Vázquez. Cando o ritmo das ondas é o ritmo da vida de Caderno de bitácora. Nesta ocasión, o programa elaborado por Producións Celta para a canle autonómica viaxa ata Portosín para coñecer a este patrón de cerco, mariñeiro e aventureiro.

O programa conta tamén con Rivadulla Corcón ao frente, quen falará cun dos seus mellores amigos, Jorge Rodríguez, e tamén coa súa filla, Inés Vázquez, que traballa de redeira para o barco do pai.